Escoitar

Os socios europeos do programa Compás reúnense en Vigo para o intercambio de experiencias no ámbito do emprego

Iníciase en Vigo o terceiro encontro de cooperación transnacional Proqualitas, organizado polo Proxecto Compás da Agrupación de Desenvolvemento Equal Área Metropolitana de Vigo. Este encontro ten como finalidade principal a exportación ou a adopción de novos enfoques de traballo no eido do emprego.

mércores, 2 xul 2003
Tralos dous primeiros encontros, celebrados en Jérez de la Frontera e na localidade siciliana de Ragusa, esta será a primeira reunión de expertos nun sistema xeral de avaliación e de diagnóstico de igualdade de oportunidades. A idea deste encontro é crear un producto, ben sexa informático ou documental, que poida servir para a avaliación de calquera proxecto de emprego.

Durante esta reunión, o comité de pilotaxe tratará os eixos de traballo adoptados no Acordo de Cooperación Transnacional, firmado en Vigo co inicio do Proxecto Compás, no que as entidades integrantes de Proqualitas se comprometían a traballar conxuntamente en distintos eidos como a elaboración dun sistema xeral de avaliación. O desenvolvemento dun diagnóstico de igualdade de oportunidades; o intercambio de información e de experiencias similares de acceso, involucración e logro; a programación de visitas de intercambio e estudio; a planificación e deseño de cursos a distancia para a formación conxunta, así como a elaboración do sitio web transnacional www.proqualitas.org son outros dos aspectos que se analizarán.

O Proxecto Compás é un programa financiado Fondo Social Europeo a través da iniciativa Equal que centra a súa actividade no deseño e desenvolvemento de ferramentas e recursos concretos que melloren a ocupabilidade das persoas desempregadas da Área Intermunicipal de Vigo, dentro dun proceso integral de emprego focalizado nos sectores emerxentes.

Ademais do Proxecto Compás, constitúen Proqualitas o Proxecto Dido "Desarrollando la igualdad de oportunidades en el mercado de trabajo", xestionado polo Instituto de Promoción y Desarrollo de la Ciudad del Ayuntamiento de Jérez de la Frontera; o Proxecto "Rivoluzione silenciosa", xestionado pola Associazione Culturale Centro Studi Ibleo de Ragusa (Italia) e o Proxecto Trampolim, xestionado pola Fundaçao para o Desenvolvimiento da Zona Histórica do Porto (Portugal).

O encontro, programado en forma de mesas de traballo, terá lugar do 2 ao 4 de xullo na sede do Instituto de Desenvolvemento de Caixanova, sito na rúa Policarpo Sanz 24-26.