Escoitar

Caetano Veloso trae a Castrelos a mestizaxe afro-brasileira, a bossa nova e o pop máis orixinal

O IV Festival latino internacional "Para Vigo me voy" comeza coa actuación de Caetano Veloso o mércores 2 de xullo ás 23:00 h no auditorio do parque de Castrelos.

martes, 1 xul 2003
É o autor de "Tropicália" a canción que bautizou o movemento coñecido como tropicalismo dende Brasil a todo o mundo. Nacido en Baía, o 7 de agosto de 1942, Caetano Veloso amósase dende pequeno esperto ao ambiente cultural que o rodea e no 1960 trasládase á cidade de Salvador. Comezou tocando a guitarra no 1964 influído por Joao Gilberto, o inventor da bossanova, pero axiña buscou o seu propio lugar xunto os lexendarios Gilberto Gil, Tom Zé e os irmáns Gal Costa e María Bethânia, cos que realizou concertos memorables tanto en Río de Xaneiro como en Sâo Paulo.

De todo aquilo xurdiu unha curiosa mestura de bossanova e pop internacional que se deu a coñecer como o movemento tropicalista. "Felicidade, felicidade", "Domingo en el Parque", "Tropicália" e tantas outras cancións mesturaban a poesía coa música, o tradicional coa vangarda, o popular co erudito e o rural co urbán... Nembargantes, aquel movemento viuse truncado cando Caetano e Gilberto foron arrestados polas súas ideas liberais, o que os levou a exiliarse a Londres en 1969.

En 1976 Caetano Veloso percorre Brasil con "Dóces bárbaros", un grupo no que militaban os seus vellos amigos, Gal, Gil e Bethânia. Na década dos oitenta sae o seu primeiro recompilatorio de éxitos.