Escoitar

O Goberno Local solicita que a Deputación concrete os seus investimentos en Vigo

O concelleiro de Goberno Municipal, Carlos Font, pedíu este martes ao organismo provincial que defina os seus "investimentos reais e concretos" na cidade, para o que solicita que se formalice un convenio entre o Concello de Vigo e a Deputación de Pontevedra que recolla as actuacións proxectadas, en aras da "transparencia" e a "lealtade institucional".

martes, 6 mai 2008
1210078063font.jpg
Carlos Font
"A Deputación non pode actuar ao marxe do goberno da cidade". O voceiro do grupo socialista reclamou deste xeito ao organismo provincial que concrete os seus investimentos e actuacións en Vigo, en aras da "transparencia" e da "lealdade institucional", mediante a formalización dun convenio entre ambos.

Font emprazou ao Presidente e vicepresidente segundo da Deputación, Rafael Louzán e José Manuel Figueroa, respectivamente, a relatar as inversións que se están a desenvolver en Vigo e o "gran proxecto" que Louzán avanzou que presentará nun futuro próximo, unha actuación que o Concello descoñece.

O voceiro afirmou que "o goberno local non está en contra" de que a Deputación actúe no Colexio Alemán, en Coia, proposta do organismo provincial, pero Font considera que a mesma "non é incompatible" coas humanizacións solicitadas polo alcalde de Vigo, Abel Caballero.

Nun encontro mantido o pasado 2 de agosto de 2007 no Concello entre o alcalde e o Presidente da Deputación de Pontevedra, Abel Caballero solicitou a Rafael Louzán que se mantivera o ritmo inversor do organismo provincial na cidade e acordaron que o Concello presentaría unha proposta de investimentos á Deputación.

A proposta municipal de humanizacións, afirmou López Font, abarca seis zonas da cidade e un investimento de "entre 16 e 18 millóns de euros", polos "15 millóns" investidos pola Deputación na etapa do anterior goberno municipal. A solicitude foi reiterada polo actual goberno local mediante tres cartas que "seguen sen ter resposta", declarou o voceiro socialista.

Carlos L. Font criticou o "desprezo" da Deputación coa cidade xa que se investiu "absolutamente nada" en Vigo, e cualifica de "desvergoña política" o anuncio de Rafael Louzán de "outro gran proxecto" para a cidade. Font reclama "respecto institucional" para o Concello de Vigo, pois o municipio "debe coñecer os proxectos da Deputación na cidade".
Descargar todas as imaxes