Escoitar

O Concello e VITRASA poñen en marcha un servizo especial de lanzadeiras para os traballadores de Citroën

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, o director do Centro de Vigo de PSA, Pierre Ianni, e o director xeral de VITRASA, Juan Carlos Villarino, asinaron este luns o convenio que formaliza o servizo, que deu comezo este mesmo día. As lanzadeiras parten do Cemiterio de Teis, a avda. de Vigo e a avda. do Aeroporto, e os seus horarios coinciden coas entradas e saídas dos turnos de mañá e tarde da factoría viguesa.

luns, 10 mar 2008
1205159835citroenvitrasa100308.jpg
Este luns deu comezo o servizo especial de lanzadeiras dirixido a facilitar os desprazamentos do persoal da planta viguesa de Citroën á entrada e saída do seu centro de traballo en días laborais. O alcalde de Vigo, Abel Caballero, o director do Centro de Vigo de PSA Peugeot Citroën, Pierre Ianni, e o director xeral de VITRASA, Juan Carlos Villarino, asinaron este luns o convenio que formaliza esta iniciativa.

O servizo, que será gratuíto ata o vindeiro 27 de marzo, pretende fomentar o uso do transporte público entre os máis de 6.000 traballadores do Centro de Vigo de PSA Peugeot Citroën que residen na cidade.

Este novo servizo consiste en tres lanzadeiras que parten, cada unha delas, dende o cemiterio de Teis, a avenida de Vigo e a avenida do Aeroporto. Para determinar estes tres percorridos realizouse un estudo exhaustivo para constatar as zonas de máis afluencia de traballadores da planta de automoción na cidade de Vigo.

Os horarios de paso das lanzadeiras coinciden coas entradas e saídas das quendas de mañá e tarde do persoal da planta, polo que as primeiras lanzadeiras sairán ás 05:15 e 13:00 horas e chegarán PSA Peugeot Citroën-Centro de Vigo ás 05:35 horas e ás 13:32 horas, respectivamente. Desde a planta viguesa partirán lanzadeiras con motivo das saídas dos dous turnos (mañá e tarde) ás 14:10 e ás 22:10 horas.

Liña C4C

Ademais, este servizo especial completarase co que xa viña facendo a liña C4C, que en abril de 2005 decidiu ampliar o seu percorrido ata a planta de automoción para facilitar os desprazamentos dos traballadores. En concreto, esta liña da servizo á entrada e saída das catro quendas actuais e fai servizo os sábados.

A liña C4C é unha das liñas de transporte urbano cun itinerario máis céntrico e con catro puntos de transbordo en zonas estratéxicas da cidade: Travesía de Vigo; Policarpo Sanz; praza de América e a rúa Porriño. Por cada un destes puntos son numerosos os autobuses doutras liñas coas que poder facer transbordo e subir a liña C4C.

Tarifas

As tarifas deste novo servizo serán as mesmas que as dunha liña urbana: tarifa ordinaria 1,08 € e con tarxeta verde: 0,72 €. Ademais, poderase transbordar co resto de liñas durante os primeiros 45 minutos da viaxe.
Descargar todas as imaxes

Máis información