Escoitar

A Concellería de Xuventude amplía o programa "Súbete ao Castro" con cursos gratuítos de formación musical

O programa "Súbete ao Castro" amplía a súa oferta cun programa de formación musical que inclúe cursos gratuítos de guitarra, vogalista, baixo, batería, teclado e pandeireta, segundo anunciou este luns a concelleira de Xuventude, Iolanda Veloso. A inscrición para participar nos cursos, dirixidos a mozos e mozas de entre 14 e 30 anos, xa está aberta, e para matricularse só é preciso cubrir un formulario nas instalacións do programa no parque do Castro, ao carón da pista de bicicletas.

luns, 10 mar 2008
1205158619subeteaocastro100308.jpg
"En Vigo hai unha grande cantidade de grupos que demandan formación musical en distintos instrumentos e decidimos que cumpría darlle resposta a esta demanda", sinalou a concelleira de Xuventude, quen indicou que neste segundo cuadrimestre se duplicará o número de prazas ofertadas, polo que serán máis de cen as persoas que poderán participar nalgún dos cursos programados.

En total serán 22 cursos: oito de batería, seis de guitarra eléctrica, tres de vogalista, dous de teclado, dous de baixo e un de pandeireta. O aumento do número de prazas fíxose especialmente nos cursos de batería e guitarra, xa que en base aos datos do primeiro cuadrimestre foron os máis demandados, cun 34 e un 38 por cento do total de persoas inscritas respectivamente.

Para participar nalgún dos cursos, que teñen lugar de luns a sábado, non é preciso ter coñecementos previos da materia e só se pide o compromiso de asistir ás clases, que son heteroxéneas, organizadas en función do nivel dos e das participantes e non da súa idade. A inscrición está aberta, e para matricularse só é preciso cubrir un formulario nas dependencias do programa, no parque do Castro, en horario de luns a xoves de 17 a 21 horas, venres de 17 a 23 horas e sábados de 12 a 14 horas e de 17 a 23 horas.
Descargar todas as imaxes