Escoitar

O IFEVI acollerá do 18 ao 20 de abril o primeiro Salón da Saúde e Hábitos de Vida

Os últimos avances e novidades en materiais e equipos dedicados ao sector da saúde serán expostos no IFEVI do 18 ao 20 de abril na primeira edición de Todosalud, Salón da Saúde e Hábitos de Vida. A feira contará con dúas áreas específicas, unha dirixida unicamente a visitantes profesionais e outra á que poderá acceder tamén o público xeral.

xoves, 24 xan 2008
1201181653todosalud240108.jpg
Entre os obxectivos cos que nace Todosalud está o de servir de punto de encontro para os profesionais da saúde de todo o Noroeste peninsular, reunindo nun mesmo recinto unha grande oferta de novidades dentro do sector médico-sanitario. Así, está previsto que máis de 500 marcas nacionais e internacionais estean presetes no Salón a través das 150 firmas expositoras que apostan por esta cita.

A organización espera que deste xeito Todosalud se convirta en colaboradora de institucións e sectores profesionais, xerando sinerxias que contribúan a un mellor aproveitamento de recursos e ao aforro do gasto público, como valor engadido do certame.

Outra das finalidade do Salón da Saúde e Hábitos de Vida é a divulgación, como medio para avanzar en materia de prevención e educación para a saúde, que sexa capaz de chegar a todos os sectores da sociedade. A divulgación diríxese tamén aos profesionais, a través de xornadas, ponencias e debates sobre temas de actualidade. A formación e a educación en materia de saúde para familias, nenos e maiores ocuparán, así mesmo, un lugar destacado en Todosalud.

Co fin de facilitar a visita dos profesionais do sector, Todosalud contará con dúas áreas independentes entre si. Por un lado, a Área Profesional, con acceso unicamente a visitantes profesionais, dirixida á innovación en Farmacia e Biotecnoloxía, á tecnoloxía sanitaria e aos equipamentos, aos equipamentos e servizos hospitalarios, á aplicación do I+D+I na atención a persoas discapacitadas e persoas maiores e ao equipamento óptico e dental.

Por outro lado, a Área Mixta, con acceso a visitantes profesionais e ao público en xeral, contará con áreas específicas dirixidas a maiores, bebés, persoas con discapacidade e o espazo "+Saúde", que acollerá áreas temáticas sobre alimentación saudable, saúde bucodental, deporte e saúde e turismo e saúde, entre outras.

Todosalud foi presentado este xoves no Concello, nun acto ao que asistiron a concelleira de Benestar Social, María Méndez; o xerente do IFEVI, Arsenio Prieto; o vicepresidente do Colexio de Médicos de Pontevedra, Dionisio Alonso; o vocal da Xunta de Goberno do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra, Manuel Carrascal, e a directora do Salón, Raquel Robledo.
Descargar todas as imaxes