Escoitar

O Plan Urbanístico Quirós, en Sárdoma, inclúe un aparcamento soterrado

xoves, 15 nov 2001
O Consello da Xerencia aprobou o Plan Parcial Quirós, que ordena unha área de 46.125 m2 da parroquia de Sárdoma. Dase vía libre á urbanización da zona comprendida entre a estrada provincial e o camiño de Quirós, o que suporá a mellora dos viais que atravesan a zona e a creación de novas dotacións.

O Plan Parcial permite a construcción de edificios de vivendas de oito alturas na zona adxacente á estrada provincial. Na parte que linda co camiño de Quirós só se permitirá a construcción de vivendas unifamiliares. Ámbalas áreas residenciais estarán separadas por unha zona verde de 7.000 m2. Ademais, resérvase unha superficie de 6.000 m2 para equipamentos docentes e outra de 2.208 m2 para instalacións deportivas.

Os promotores da urbanización están obrigados a construír un aparcamento soterrado de 283 prazas, que deberán ceder ao Concello. As previsións de zonas de estacionamento complétanse coa reserva de espacio en superficie para acoller outros 255 vehículos.


O Concello aproba un plan de vixilancia ambiental das obras do Parque Tecnolóxico

O Consello da Xerencia de Urbanismo aprobou un plan de seguimento das obras de urbanización do Parque Tecnolóxico e Loxístico de Vigo que se están a executar en terreos de Beade e Valadares. A finalidade deste plan é a de verificar que as obras non teñan efectos ambientais negativos.

Un dos aspectos que será obxecto de especial control é o que atinxe á protección da rede hidrolóxica da zona. Tentarase evitar o arrastre de materiais ás augas e controlar os fenómenos erosivos. O plan prevé tamén os sistemas de xestión os residuos que se xeren e a execución dun programa de integración paisaxística. O plan de vixilancia manterase ata un ano despois da recepción das obras.

O complemento do plan de vixilancia é un programa de restauración que localiza as superficies a revexetar e establece as especies a empregar neste labor.

O Parque Tecnolóxico e Loxístico de Vigo ocupa 87,5 hectáreas, adquiridas polo Consorcio da Zona Franca. Nel instalaranse empresas de I+D e outras cunha importante compoñente tecnolóxica. O parque só acollerá industrias non contaminantes. Na parte norte do parque sitúase unha zona loxística na que se crearán aparcamentos vixiados para vehículos pesados, un hotel, restaurantes, unha estación de servicio e outros equipamentos.