Escoitar

Doménico Codispoti: recital para piano de Liszt e Skrajabin no Festival Are-More

xoves, 15 nov 2001
O Festival ARE MORE pretende, a partir desta edición, leva-los concertos do seu programa non só ós escenarios vigueses senón tamén a aqueles que, enclavados na comarca de Vigo, poden ter repercusión dende o punto de vista de amplia-lo entorno do propio festival, a fin de ir conseguindo maior recoñecemento, tanto pola calidade dos intérpretes como polos marcos nos que estes leven a cabo os seus recitais. Por iso, ARE MORE desprázase o sábado, 17 de novembro ata o Hotel Meliá Balneario de Mondariz, un excelente lugar para ofrecer un dos mellores recitais de piano que se poden ver na presente tempada musical de outono.
O protagonista do innovador, dende o punto de vista xeográfico, recital é o pianista italiano Doménico Codispoti.


Nacido en Catanzaro hai 26 anos, diplomouse en 1995 no conservatorio de Pescara, onde obtivo o premio cum laude da súa promoción. En 1997 logrou o diploma de Alto Perfeccionamento na Academia Musical da mesma localidade e o premio en Música de Cámara en 1999.

Asistiu a numerosos cursos impartidos por figuras como Jasinsky, Lonquich e Achúcarro. Gañou numerosos concursos como o Cidade de Mesina, Premio Rendano e Carla Fineschi en Roma, Internacional de Ferrol, “Speranza” de Taranto ou o Torneo Internacional de Música de Roma. Debutou coa Orquestra Sinfónica de Pescara, e actuou logo coa Orquestra Sinfónica de Plovid, a Orquestra Sinfónica de Italia, Orquestra Sinfónica de Galicia, Filharmónica Mediterránea e a Iceland Orquestra Sinfónica.

Percorreu escenarios de Italia, España, República Checa, Inglaterra e Islandia. Gravou co selo Dynamic a Sonata nº2 op. 36 de Rachmaninov. Deu cursos de técnica e interpretación en A Coruña en 1999 e en Reykiavik en marzo deste mesmo ano. En xullo pasado obtivo o primeiro premio do concurso internacional de piano “Cidade de Ferrol”.

No recital de ARE MORE dedicará a súa actuación a pezas de dous compositores que escribiron especialmente para piano, como son Skrajabin e Liszt.

BIOGRAFÍA

PROGRAMA