Escoitar

Brigadas Verdes, break-dance, loita libre e outras alternativas das Noites Vivas

xoves, 15 nov 2001
Se aínda queda xente por disfrutar das Noites Vivas poucas fins de semana teñen xa para facelo. Nembargantes, a oferta segue sendo tan variada como sempre, podendo elixir nunha soa noite entre máis de 20 opcións ou barallar a posibilidade de visitar diferentes centros.

Entre outras actividades programadas pola Concellería de Xuventude pódese disfrutar dun espectáculo de break-dance na Praza Elíptica o venres a partires das 23:00 horas. O pavillón de Teis acolle esta fin de semana un obradoiro de Loita Libre que, ademais de ensinar técnicas básicas ós asistentes, inclúe unha pequena exhibición realizada entre os propios xoves que forman a asociación imparte a actividade.

O sábado as Brigadas Verdes percorrerán o Castro na busca de lixo que recoller, alentados esta vez pola crecente colaboración dos usuarios do devandito parque, que xa teñen solicitado máis contedores para enchelos eles mesmos.

Máis detalladamente, dende o venres pódese comenzar á tardiña con obradoiros de xogos de inxenio no Castro dende as 19:00 para continuar en calquera dos pavillóns de Teis ou Coia, que ademais de deportes ofertan obradoiros medioambientais e de pulseiras, e papiroflexia respectivamente.

Outros obradoiros coma repostería e coiro se desenvolverán no Centro Xuvenil Municipal, iniciación á pintura na A.V.V. de Beade, coiro na A.V.V. Doutor Fleming e globoflexia na praza Elíptica sen esquencer os obradoiros de xoiería que se veñen realizando cada venres na Escola Técnica de Xoiería.

Ademais, esta fin de semana pódese optar por asistir a espectáculos diversos coma cine nas A.A.V.V. de Beade e Bouzas e outras actividades de carácter especial coma Scalextric no Clube Slot de Vigo, Internet no Castro e no Centro Xuvenil Municipal e bailes, de salón e estándar, na A.V.V. de Beade e na Praza Elíptica. Continúa aberto o servicio de asesoramento en saúde sexual e anticoncepción no Centro Xove de Orientación Sexual de 23:00 a 2:00 horas.

Para o sábado máis actividades noutros centros, das que se pode destacar cestería en Abertal, cultura xaponesa na asociación veciñal de Lavadores, ou o tiro con arco no pavillón do Berbés. O centro Xuvenil Municipal abrirá tamén as súas portas para acoller un punto de información ambiental e para ofertar acceso a Internet e xogos de mesa e a asociación veciñal de Bouzas impartirá sesións de xadrez esta fin de semana.

Tres grupos daranse cita en Lavadores para ofrecer un concerto dende as 22:00 horas: Putamiseria, Purgatory e Bingo al 7, encargados da parte musical nesta penúltima xornada de Noites Vivas.