Escoitar

A actuación do grupo cubano Orishas pecha o vindeiro sábado as festas de Vigo

O concelleiro de Cultura, Xesús López, presentou este xoves o que será o último concierto das festas de Vigo, que vén da man do grupo cubano Orishas. A actuación terá lugar na praza do Rei o vindeiro sábado 25 de agosto a partir das 23:00 horas.

xoves, 23 ago 2007
1187869200orishas230807.jpg
As festas de Vigo terán este ano un peche cun "sabor especial", coa actuación gratuíta da agrupación cubana Orishas o vindeiro sábado 25 de agosto na praza do Rei a partir das 23:00 horas. Este grupo subirá ao escenario para deleitar o público vigués co seu último traballo, un disco recopilatorio chamado "Antidiótico".

Neste álbum, Orishas recolle os seus éxitos máis coñecidos así como tres temas inéditos: "Silencio", un clásico da súa primeira etapa; "Una página doblada", unha fascinante descrición da mestura de inquedanza e esperanza que se respira polas rúas da Habana ante a incógnita sobre a saúde de Fidel Castro; e "Hay un son", un himno na estela dos seus coreados "Represent", "Qué pasa" ou "Nací Orishas".

Ademais de atoparse mergullados nunha xira que os leva por diferentes puntos da xeografía europea, neste momento tamén preparan o seu novo traballo de estudo co produtor portorriqueño Paul Irizarry, máis coñecido como Echo, e esperan sacar o disco este mesmo ano.

Dende que en maio de 1999 editaron o seu primeiro álbum, "A lo cubano", co que acadaron excelentes críticas na prensa europea, percorren os escenarios de todo o mundo. No 2002 publicaron o seu segundo traballo discográfico, "Emigrante", no que os temas son máis profundos que no disco anterior e acadan un tratamento máis internacional. E xa no 2003 saiu á luz o seguinte álbum, "El kilo", que leva o nome co que se coñece o céntimo da moeda cubana. Este disco ten, por unha banda, a parte enerxética que caracteriza "A lo cubano" no tocante á percusión, e por outra, contén a parte melódica que tiña "Emigrante".

Con só tres álbumes publicados, Orishas tense convertido nun emblema da nova música do século XXI. A súa revolucionaria fusión de hip hop e son cubano considérase como unha das grandes achegas artísticas dos últimos anos.
Descargar todas as imaxes