Escoitar

O Concello inicia os trámites para constituír a Fundación Vigo Convention Bureau

Segundo anunciou este xoves o tenente de alcalde, Santiago Domínguez, o Concello está levando a cabo os trámites para constituír a Fundación Vigo Convention Bureau, para que a cidade entre a formar parte do Spain Convention Bureau (SCB). O obxectivo desta iniciativa consiste en fomentar o desenvolvemento dos congresos e convencións e así potenciar o turismo vencellado con este sector.

xoves, 23 ago 2007
1187868419convencions230807.jpg
Santiago Domínguez adiantou que "dentro de un mes ou mes e medio" os estatutos desta Fundación estarán redactados e serán presentados ao Pleno para a súa aprobación. Domínguez explicou que actualmente desde o Concello se está a traballar para que no Vigo Convention Bureau estean presentes entidades fundamentais na cidade como a Cámara de Comercio, a Confederación de Empresarios de Pontevedra, o IFEVI, Caixanova, a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia.

O seguinte paso é conseguir que Vigo forme parte do Spain Convention Bureau, unha entidade sen ánimo de lucro que agrupa na actualidade 41 cidades de congresos, entre as que figuran xa, xunto coas principais poboacións de España, as cidades galegas da Coruña, Pontevedra e Santiago de Compostela.

Esta entidade constituiuse no ano 1984 no seo da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), como unha sección especializada dentro da Comisión de Turismo. O nome de Spain Convention Bureau é a marca comercial empregada nas accións promocionais no mercado de congresos e reunións.

Entre os seus obxectivos principais figuran promover o intercambio de experiencias e información deste sector turístico entre os municipios que forman o SCB e realizar accións encamiñadas á promoción conxunta tanto nacional como internacional das cidades que a compoñen.

As actividades fundamentais que desenvolve o Spain Convention Bureau e as entidades asociadas son:

- asesorar e achegar información sobre os lugares idóneos para levar a cabo un evento, dependendo do número de asistentes e a capacidade hoteleira requerida
- elaborar un calendario de congresos anual
- elaborar informes estatísticos sobre o mercado de reunións para mellorar o coñecemento deste mercado e axudar nas estratexias de márketing das cidades
- realizar accións e materiais promocionais para a difusión das cidades de congresos tanto no ámbito internacional como no nacional
- levar a cabo seminarios e xornadas encamiñadas a mellorar a formación do persoal técnico dos municipios.
Descargar todas as imaxes