Escoitar

As noites de teatro gratuíto volven a Vigo coa mostra de Teatro Vigués

O concelleiro de Cultura e Animación Sociocultural, Xesús López, presentou este xoves no Concello a Mostra de Teatro Vigués, que terá lugar na Praza do Rei todas as noites ás 23:00 horas entre o 5 e o 9 de agosto.

xoves, 2 ago 2007
1186056674mostradeteatro010807.jpg
Xesús López declarou este xoves na rolda de prensa de Concello que fóra do que é a música, un tema que lles preocupaba bastante era que o teatro non se incluíra no programa de Festas do Cristo da Victoria 2007, e que de aí xurdiu a Mostra de Teatro Vigués. É unha iniciativa que segundo o xerente da rede Municipal de Teatro de Vigo, Xerome Calero, debería incluirse en vindeiros carteis das festas viguesas.

A primeira representación será o vindeiro domingo 5 de agosto ás 23:00 horas da man de Thepinga Teatro, que escenificará a obra "Urbe 2", unha comedia surrealista na que o espectador é un viaxeiro imaxinario conducido por tres homes da plebe na procura dun sorriso e que por riba das súas crenzas, da súa filosofía de vida e dos seus prexuízos, está a súa amizade.

O luns, 6 de agosto, será Máscara Producción a que se suba ao escenario con "Asalto de cama", o martes 7 de agosto, será o turno de Sísifo Teatro con "Parella aberta", Fulano, Mengano e Citano interpretarán "O Faro" o mércores 8 de agosto e Teatro Aforo será o encargado de pechar a mostra o xoves 9 de agosto coa obra "Eloxio da loucura".

A entrada a estes espactáculos será totalmente gratuíta e cambiará a súa ubicación en caso de inclemencias meteorolóxicas. Neste caso celebrarase no Auditorio Municipal, tamén con entrada gratuía até completar aforo.
Descargar todas as imaxes