Escoitar

Aprobado o proxecto do polideportivo de Bouzas

luns, 16 xul 2001
O Goberno municipal aprobou o proxecto do polideportivo que se vai comezar a construír no outono en Bouzas, a carón do novo campo de fútbol. A Comisión de Goberno decidiu contratar as obras desta nova instalación mediante o procedemento de poxa. O presuposto é de 145.080.040 pesetas.

O polideportivo de Bouzas será unha instalación cuberta que albergará unha pista de 27x45 m., medidas que permiten utilizar, á parte da pista central, tres campos de baloncesto perpendiculares. O edificio acollerá tamén un pequeno ximnasio, seis vestiarios para xogadores e un para árbitros. A súa capacidade será de 300 persoas.

O proxecto foi realizado polo arquitecto Santiago González, que concibiu un edificio con dous módulos, no máis grande estará a pista central e no pequeno os vestiarios. O inmoble terá un gran ventanal que permitirá ollar a parroquia de Bouzas dende o interior. O módulo principal irá recuberto dun panel prefabricado de formigón branco e o máis pequeno estará revestido de madeira. Está previsto que Bouzas poida contar co seu polideportivo nos primeiros meses de 2003.