Escoitar

Oitenta e cinco novos desempregados comezan a traballar no Concello de Vigo

venres, 13 xul 2001
Unha nova actuación do Plan Municipal de Emprego permitirá que 85 novos desempregados realicen, durante seis meses, obras e servicios considerados de interese xeral e social no Concello de Vigo a partir da vindeira semana.

Con esta actuación, prevista no Plan Municipal de Emprego o número total de desempregados contratados polo Concello de Vigo durante o ano 2001 será de 182 persoas. Desta cifra, 97 son con cargo ó Programa Municipal de Integración Laboral (Promil), financiado integramente con recursos municipais, e agora 85 persoas acolleranse ó Programa de Cooperación Xunta-Concello.

O concelleiro Delfín Fernández manifestou o seu ”evidente desacordo coa Consellería de Familia e Promoción de Emprego, Muller e Xuventude ante a falta de coherencia cando o desemprego en Vigo representa o 39% da provincia e o Concello só recibe entre o 7 e 8% da cantidade total distribuída entre tódolos concellos de Pontevedra, a pesar de que dispón do 31% da súa poboación”.

O Concello de Vigo aposta activamente na loita contra o desemprego, xa que se implica tanto presupostaria como organizativamente. Seguindo as indicacións da Unión Europea e dos distintos cumios celebrados recentemente, as políticas activas de emprego, para seren efectivas, teñen que artellarse no ámbito máis próximo ós cidadáns que é quen detecta os problemas e busca a complicidade de empresarios, sindicatos e administracións. ”O proceso que segue a Consellería de Familia neste programa é opaco, moi burocratizado e probablemente clientelar”, cualificou Delfín Fernández.

O custo total da man de obra contratada e subvencionada pola Xunta de Galicia é de 115.609.788 pesetas, beneficiándose 12 departamentos municipais para desenvolver sete programas de prestación de servicios e cinco proxectos de obra municipal. Isto correspóndese co 22% do solicitado ante a Consellería de Familia e Promoción de Emprego.