Escoitar
O luns comeza na praza da Constitución o ”II verán de teatro”

¡Érguese o pano!

venres, 13 xul 2001
A Praza da Constitución de Vigo acollerá, dende o próximo luns, 16 de xullo, e ata o domingo, 22, o II Verán de Teatro, que organiza a Concellería de Festas e Animación Cultural co gallo das Festas do Cristo da Victoria.

Sete grupos galegos van desfilar durante unha semana , sempre ás 11 da noite e con entrada libre, polo escenario ó aire libre da Praza da Constitución, achegando ós espectadores historias moi diferentes, pero todas elas relacionadas directamente cos problemas e soños de todos os seres humanos.

Luns, 16

“Aforo Teatro” será o primeiro grupo en actuar, na noite do luns. A súa montaxe “Tres de Ionesco” levantará o telón do ciclo dramático.
“Tres de Ionesco” está conformado por dúas pezas cortas do mencionado autor: “Saúdos e escena para catro actores,” e un fragmento de “La cantante calva”, obra exemplar da literatura dramática universal.

Como todo o teatro de Ionesco, son pezas que carecen de argumento, pois o importante nelas non é contar unha historia senón atopar un pretexto para penetrar no absurdo da condición humana e a súa repercusión e asimilación na vida..

Con esta montaxe “Teatro Aforo” fai unha homenaxe ó teatro moderno encabezado por nombres ilustres como Antonin Artaud, Samuel Beckett, Bertolt Brecht, Jean Genet, etc.

Teatro Aforo, dende a súa creación, vén persistindo en representar obras e autores emblemáticos do teatro moderno, entre os que destaca a súa elección de traballos de Eugene Ionesco.

Martes, 17

“Ollomol Tranvía” representará o martes a súa montaxe “Policía”, baseada na obra de Slawomir Mrozek, que foi adaptada e está dirixida por Cándido Pazó.

Trátase dunha versión libre dun texto do autor polaco máis emblemático do século XX. A comedia, que no fondo non fala de policías, fala da relación entre a precariedade da conducta humana e as súas finalidades.

“Policías” é un texto politicamente incorrecto, un panfleto cómico que invita a ir sempre máis alá, a buscarlle ás cóxegas a todo: a un país, a unha sociedade, a nós propios. Mesmo do público, para rir ou para pensar.


Mércores, 18

“O show sincero de Ana Pudor”, é a obra elixida para ó mercores. Un espectáculo de música e palabras.

No espectáculo, Ana Pudor, que encarna a actriz da compañía de teatro de Santiago Chévere, Patricia de Lorenzo, fala dos distintos amores que tivo no pasado, e para iso recurre á música, unha música que percorre distintos estilos (samba, bossanova, blues e jazz) que transpórtanos a lugares tan lonxanos coma Buenos Aires, Brasil, ou o Berlín de entreguerras, Andalucía ou á España da 2ª República.
Pola súa banda, Javi Abraira é o guitarrista do que está namorado Ana Pudor, e que durante toda a obra permanece calado, só pendente de tocar “moi ben” o instrumento que o leva a outros tempos.

Xoves, 19

Ancora Teatro, coa súa montaxe “Sucesos” subirá o xoves ó esceario.

Coa obra o grupo coruñés remexe nesa caixa de sorpresas onde van parar tódolos productos que consumimos: os contenedores do lixo. Sucesos de usar e tirar. Do lixo dous personaxes van extraer catro historias onde o humor é o vehículo dramático para viaxar por catro espacios imaxinarios, catro sucesos diferentes que falan de parellas que tentan lembrar como sucedeu a primera vez, de vellas que asexan baixo os andamios o que pode suceder, de turistas con fame de sucesos e viúvos que non puideron evitar que sucedese.

Catro pezas curtas unidas polo común denominador de “Sucesos”. Sucesos que poden aparecer nos xornais como noticia extraordinaria, pero tamén sucesos que poden acontecer cada día e que non trascenden públicamente porque pertencen ó máis íntimo.

En definitiva, pequenos sucesos inconfesables. Sucesos que xa tiveron lugar e outros que poden ou non suceder, pero que marcan da mesma maneira as nosas vidas.

Venres, 20

Mónica Camaño e Roberto Vidal Bolaño, de “Teatro de Aquí”, subirán o venres ó esceario para representa-la montaxe “Os Papalagui”, unha forte crítica da sociedade “civilizada”.

Unha conversa entre Tuiavii, xefe da tribu samoana de Tiavea e unha misioneira europea que abandona a aldea de Upulo convértese nunha oportunidade única para facer unha fonda reflexión sobre os principios nos que asenta unha civilización que se di liberadora e que non é senón opresora dos seus propios membros.

Sábado, 21

A obra “Malandros”, a cargo do grupo “Máscara Produccións” será a penúltima obra que se representa no “II Verán de Teatro”.

“Malandros”, baseada nunha obra de Mário Zambujal, está dirixida por Xerome Calero e Antón Casal, e interpretada por Patricia Alfaya, Xerome Calero, Antón Casal, Verónica Codesido, Beatriz Míguez e Pablo Puga, que son acompañados no escenario polo guitarrista Tony D´Arco.

A montaxe relata unha historia do lumpen, que nos permite visualizar as historias dun grupo marxinal na Lisboa actual. Piratas urbanos modernos, delincuentes dentro da nosa sociedade, formando eles mesmos outra sociedade.

Na obra non hai un heroi, son seis, e a acción está marcada polo humor que nos impide que o patétismo se apodere do espectador.

Na montaxe as historias, a modo de flashback presentansenos en planos diversos, e a música convertese nunha parte viva do espectáculo.

Cine, tebeo, esperpento, a novela negra, a traxedia complexa. En realidade do que se trata é de recrear a historia dun grupo marxinal nunha cidade, que podería ser calquera. Un anaco da vida con todas as imaxes, sons, sentimentos, berros, verbas e soños.

Domingo, 22

Un dos grupos vigueses con máis tradición no mundo escénico, Avento, porá o punto e final ó II Verán de Teatro. Coa obra “O Porco”, baseada na novela “Strategie pour deux jambons”, do autor francés Raymond Cousse, e que foi traducida ó castelán a adaptada ó teatro por Antonio Andrés Lapeña.

A través de catro xornadas, que representan catro estacións confluentes nun desenlace sanguento, O Porco amosa a realidade fatalista dun ser nacido cun sino prefixado cara a unha morte segura. A comparación ou paralelismo coa existencia do ser humano resulta inevitable.

Nas catro xornadas o porco ten que afrontar situacións diferentes marcadas pola limitación do espacio físico vital no que decorren os seus días, ou no fatalismo unidireccional que marca a súa existencia finita. O debate encol da sexualidade como meta e privación e o destino no matadoiro reflexan outras circunstancias que o protagonista da obra debe afrontar.