Escoitar

Declaración do Concello ante a morte de José Javier Mújica e Mikel Uribe

luns, 16 xul 2001
imx450.jpg
Concentración na praza do Rei
Sempre soubemos que os terroristas non fan ningún tipo de distincións cando se trata de impoñer as súas condicións mediante a chantaxe vil do terror. Lamentablemente, a pasada fin de semana tivemos ocasión de corroboralo.

Outra volta ficamos espantados por uns asasinatos: pola morte de dúas persoas que non facían máis que, cada un dende o seu posto, servir á súa sociedade. Un deles, como concelleiro da súa vila, exercía o dereito a pensar libremente e a defender as súas ideas dentro do marco democrático avalado polo apoio dos seus conveciños. O outro, funcionario da ertzaintza, traballaba para que os seus poidan convivir en paz.

Defender as propias ideas en liberdade e convivir en paz son dous dereitos fundamentais que ETA non dubida en esmagar na procura dos seus obxectivos. Os terroristas, armados dun fanatismo que para nós resulta incomprensible, non poden consentir que alguén pense de forma diferente a eles, que alguén poña por diante de calquera reivindicación o dereito a vida, o respecto ás ideas dos demais.

Volve poñerse de manifesto que todos os que non pensamos coma eles somos obxectivos potenciais de ETA. De aí que se faga necesario que sigamos expresando firmemente a nosa unión fronte aos violentos que esta fin de semana quixeron escurecer
con bombas e pistolas a cerimonia coa que os vascos celebraban o funcionamento das súas institucións democráticas.

Dende esta praza queremos testemuñar a nosa solidariedade con todo o pobo vasco e moi especialmente coas familias de José Javier Mújica e de Mikel Uribe, os que máis directamente están sufrindo o salvaxe acoso de ETA. Asemade, esta concentración é un símbolo da nosa unión sen fendas fronte aos que, carentes do máis mínimo escrúpulo, pretenden impoñernos as súas ideas mediante a tiranía da ameaza. En nós non van atopar máis que unha radical condea á súa conducta e unha defensa absoluta da democracia, os dereitos humanos e os valores da tolerancia e o respecto aos demais.


Vigo, 16 de xullo de 2001
Descargar todas as imaxes