Escoitar

Clases maxistrais no Imaxina Sons de Jazz

O Conservatorio Superior de Música acolle durante este mes de xuño as tres "clases maxistrais" organizadas como actividade paralela ao Festival de Jazz de Vigo "Imaxina Sons’07". Serán impartidas por René García Fons, Jean Louis Matinier e Gilad Atzmon.

mércores, 6 xuñ 2007
1181124381.1178275203cartejazz.jpg
A inscrición e asistencia é totalmente gratuíta e poderase formalizar mediante reserva a través da web oficial do festival (www.imaxinasons.com).

O calendario e os profesores (todos eles músicos que participarán cos seus respectivos proxectos no festival) son os que se detallan a continuación:

Xoves, 21 de xuño, 18.00 h : RENÉ GARCÍA FONS, contrabaixo

Venres, 22 de xuño, 11.00 h: JEAN LOUIS MATINIER, acordeón

Venres, 29 de xuño, 11.00 h: GILAD ATZMON, saxo alto – clarinete

Renaud García-Fons e Jean-Louis Matinier comparten a portentosa habilidade de traspasar fronteiras musicais e evadirse das etiquetas, iniciando así o diálogo do dúo dende unha óptica libre dos patróns ortodoxos. De pais españois, aínda que nado en París, Renaud é un auténtico virtuoso e, non en van, é coñecido nalgúns círculos como o "Paganini do contrabaixo", capaz de asombrar a propios e estraños nos seus concertos en solitario. A súa técnica prodixiosa aválao para dominar todos os recursos, como a utilización do arco, o "pizzicato" ou os elementos de percusión ao seu alcance, e transformar a linguaxe tradicional do seu instrumento cunha dinámica novidosa. A súa paleta de rexistros pode levalo, da man do jazz, da órbita clásica ao folclore europeo. Outro tanto pode dicirse de Matinier, formado como virtuoso na música clásica pero insuflado por un espírito aberto e inquieto, como proban as súas colaboracións con Louis Sclavis, Gianluigi Trovesi e Michel Godard, entre outros.

A música do saxofonista israelita Gilad Atzmon reflexa a profundidade e o compromiso das súas conviccións éticas e políticas, e tamén a súa traxectoria vital no exilio. A súa repulsa e denuncia do sufrimento que os sionistas inflixen ao pobo palestino lévao a buscar en Londres unha nova patria na que defender explicitamente, e dende un activismo enérxico, a creación dun único estado democrático no que se integren palestinos e israelíes. A súa música é unha fermosa idealización desa convivencia, pois nela fúndense elementos da tradición musical xudía con outros de raíz arábe, unidos pola maxia condutora do jazz e a improvisación. "MusiK: re-arranging the 20th century", a súa última gravación xunto a Orient House Ensemble, insiste en amosar esa diversidade cultural e folclórica sen abandonar a linguaxe instaurada polo "bebop". A súa anterior gravación, co suxestivo título de Exiles, obtivo a cualificación de "Mellor Álbum de Jazz do Ano" na revista Time Out, ademais de ser premiado nos BBC Awards.
Descargar todas as imaxes