Escoitar

"De Boa Man" sitúa a súa carpa en Príncipe ata o sábado

A campaña "De Boa Man", a través da cal se comercializan produtos artesáns elaborados por persoas con discapacidade, celebra desde este mércores ata o sábado a súa XII edición situando unha carpa na esquina das rúas Príncipe e Velázquez Moreno.

mércores, 6 xuñ 2007
1181131998deboaman07a.jpg
Nesta carpa expoñen e venden os seus produtos de artesanía oito entidades para persoas con discapacidade que dispoñen de centros ocupacionais: ALENTO (Asociación de Dano Cerebral de Vigo), APAMP (Asociación de Pais de Minusválidos da Provincia de Pontevedra), ASPANAEX (Asociación a prol das Persoas con Discapacidade Intelectual), ASPAVI (Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual de Vigo), COGAMI (Confederación Galega de Minusválidos), DOA (Asociación de Axuda ao Enfermo Mental), Menela (Fundación a prol das Persoas con Trastorno do Espectro Autista) e San Rafael (Fogar e Clínica San Rafael dos Hermanos de San Juan de Dios).

Entre os produtos que se poden atopar na carpa de "De Boa Man" figuran carteiras, bonecos, cestos, pendentes, obxectos de cerámica, debuxos, bolsos, camisetas, plantas e mesmo cebolas. As entidades participantes na campaña esperan que a venda destes e doutros obxectos lles reporten uns 6.000 euros, cifra similar á obtida na última edición, celebrada en decembro de 2006. Esta cantidade reinvistirase posteriormente nos propios obradoiros mediante a compra de material para o seu funcionamento.

O horario de apertura da carpa é de 10.00 a 14.30 horas e de 17.00 a 21.30 horas, de mércores a venres, e o sábado só pola mañá, de 11.00 a 14.00 horas. Durante a súa primeira xornada, no mediodía deste mércores, "De Boa Man" contou coa presenza da concelleira de Benestar Social, Marta Iglesias.

A campaña "De Boa Man", organizada coa colaboración do Concello de Vigo e da Obra Social de Caixa Galicia, ten entre os seus obxectivos favorecer o recoñecemento dos dereitos das persoas con discapacidade, así como garantir a súa integración social e profesional e a súa participación na vida da comunidade.
1181131998deboaman07a.jpg
1181132094deboaman07b.jpg
Descargar todas as imaxes