Escoitar

Arik Levy ofrece unha conferencia no MARCO baixo o título "Home Sweet Home"

O deseñador Arik Levy ofrece este martes, a partir das 20.00 horas, unha conferencia aberta ao público no salón de actos do MARCO, baixo o título "Home Sweet Home". Esta conferencia forma parte do obradoiro "O Outro", que se desenvolve ata o mércores no museo baixo a dirección de Arik Levy, como actividade complementaria da exposición "Novos Horizontes".

martes, 5 xuñ 2007
1181042405ariklevyyeni.jpg
Arik Levy
A entrada á conferencia "Home Sweet Home" é libre e gratuíta ata completar aforo. Haberá servizo de interpretación simultánea inglés-castelán.

O obradoiro "O Outro" está organizado pola Fundación María Martínez Otero e o Museo MARCO de Vigo, en colaboración coas empresas Martínez Otero e SUTEGA. Realízase na sala perimetral B1, no primeiro andar do museo, o luns 4, martes 5 e mércores 6 de xuño en horario de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 18.00 horas.

Dende o seu estudio Ldesign en París, e xunto co seu socio Pippo Lionni e o seu equipo de deseñadores, Arik Levy (Tel-Aviv, 1963) leva a cabo proxectos de deseño industrial, interiorismo e deseño gráfico para o mercado europeo e internacional. Os seus coñecementos técnicos e creatividade permítenlle traballar en múltiplas materias e disciplinas, desde o deseño de identidades corporativas, produtos e luminarias, ata o packaging, deseño de stands e exposicións, sinalética e proxectos escenográficos.

Levy ten participado en diferentes exposicións en museos, galerías e feiras en todo o mundo, e moitos dos seus produtos pódense atopar nas coleccións dos máis prestixiosos museos e institucións, como o MoMA de Nova York ou o Centre Georges Pompidou en París.
Descargar todas as imaxes