Escoitar

O Concello financia con 36.000 euros as actividades do Instituto de Estudos Vigueses

O Concello financiará cunha subvención de 36.000 euros o 86% do programa de actividades do Instituto de Estudos Vigueses correspondente a 2007, que ascende a un total de 42.000 euros.

martes, 29 mai 2007
1180442585titanes.jpg
Este programa desenvólvese arredor de catro liñas: edición de publicacións (o 73% do total), o Centro de Documentación da Historia de Vigo, conferencias e outras actividades culturais. Estas actividades financiaranse a través de convenios, colaboracións e subvencións do Concello (36.000 euros) e da venda de publicacións (6.000 euros).

O Instituto de Estudos Vigueses ten entre os seus obxectivos o de servir como órgano de desenvolvemento cultural da Fundación Provigo, de acordo co convenio asinado entre ambas as entidades o 22 de novembro de 1996. A Fundación Provigo está formada polo Concello, a Cámara de Comercio, Industria e Navegación, a Universidade de Vigo, a Confederación Provincial de Empresarios de Pontevedra, a Deputación Provincial e o Consorcio da Zona Franca.

As finalidades da Fundación Provigo e do Instituto de Estudos Vigueses, de acordo cos estatutos da Fundación, son os seguintes:

- Encargar e supervisar a realización de proxectos de estudo ou investigación dirixidos a coñecer a situación de Vigo e do seu contorno
- Promover a mellora da imaxe de Vigo interna e externa, así como a súa positiva divulgación, tanto a nivel autonómico como estatal ou internacional
- Actuar como grupo de opinión en relacións en defensa dos intereses de Vigo e do contorno que abarca a Fundación
- Organizar conferencias, seminarios e reunións que contribúan a un maior coñecemento de Vigo e do seu contorno.

O Instituto de Estudos Vigueses creouse baixo o Padroado da Fundación Provigo e a súa Área, co fin de fomentar, orientar e coordinar o labor investigador en diversas disciplinas e manifestacións que se refiran a Vigo e á súa comarca. Así mesmo, o Instituto ten como obxectivo informar peticións de organismos e entidades culturais.
Descargar todas as imaxes