Escoitar

A cimentación do Auditorio retrásase máis un mes

As obras de cimentación do Auditorio-Pazo de Congresos retrasaranse máis un mes, debido ao achado, por parte da empresa construtora, de máis roca da esperada no subsolo da antiga Casa Mar. Durante o mencionado período o Concello tramitará a modificación do proxecto de execución.

luns, 23 abr 2007
1177333672xunta230407.jpg
Esta foi unha das decisións da Xunta de Goberno Local, que se reuniu en sesión ordinaria hoxe luns. A Xunta de Goberno tamén aprobou unha solicitude de subvención de 87.000 euros para a realización de actividades dirixidas á xunventude, para a promoción da información xuvenil e para a incorporación da mocidade ás novas tecnoloxías durante 2007, dentro dunha convocatoria dirixida a entidades locais de Galicia.

Así mesmo, o Goberno local autorizou un gasto de 61.000 euros para a submistración de seis bases para bicicletas destinadas ao transporte urbano de cidadáns, e de 15.500 euros para a posta en marcha dunha plataforma sube-escaleiras para minusválidos.

Na área de Muller foron aprobados tres convenios. O primeiro deles rexerá a colaboración coa Asociación de Mulleres Dorna para apoiar o mantemento do "Punto Informa" de Coia, no que se atenderá ás mulleres que o demanden para achegarlles información xeral de interese. Esta información estará destinada especialmente a achegar un valor engadido a favor da igualdade de oportunidades e da prevención da violencia. Este convenio conta cunha achega municipal de algo máis de 18.000 euros.

O Concello tamén apoiará a "Rede de Mulleres Veciñais contra os malos tratos de Vigo" no desenvolvemento do seu programa de actividades durante 2007, cunha achega de 10.000 euros. As accións obxecto deste convenio están dirixidas a todas as mulleres de Vigo que sofren violencia de xénero e que manifesten o seu desexo de ser axudadas pola Rede.

Ademais, o Concello colaborará co Grupo de Estudos sobre a Condición da Muller "Alecrín" para garantir o libre acceso do público en xeral ao centro de documentación e biblioteca desta entidade, sito na rúa García Barbón, 30-5º. A achega municipal para esta acción é de 24.000 euros.

Por último, a Xunta de Goberno autorizou a realización dunha marcha cunha antorcha pola cidade o xoves 26 por parte de Special Olympics. A marcha sairá ás 19.30 do Centro San Francisco (rúa Cangas, 14) e fará o seguinte percorrido: avenida Castelao, avenida Camelias, rúa Romil, paseo de Alfonso, rúa Elduayen, rúa Príncipe, rúa Colón e chegada na rúa Areal, a carón da Alcaldía, ás 21.30 horas.
Descargar todas as imaxes