Escoitar

O Pleno aproba definitivamente o PEPRI do Casco Vello

O Pleno da Corporación Municipal aprobou definitivamente hoxe xoves o Plan Especial de Protección e Reforma Interior (PEPRI) do Casco Vello. O documento recibiu os votos favorables de PP e BNG. PSdeG-PSOE e PG votaron en contra.

xoves, 12 abr 2007
1176379495pleno120407.jpg
O PEPRI do Casco Vello, que obtivo o respaldo do Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo hai dúas semanas, regulará un ámbito de 218.000 m2 nunha zona céntrica de Vigo que padece un notorio abandono. As parcelas de uso dotacional incluídas na proposta aprobada soman cerca de 85.000 m2 e as de uso dotacional supoñen 25.000, mentres que 41.000 m2 se destinan a espazos libres e zonas verdes e aproximadamente 67.000, a superficie de viario.

O acordo plenario de hoxe xoves culmina un proceso de tramitación que comezou en febreiro de 2004, cando a Xunta de Goberno Local lle deu o seu visto bo ao documento inicial. O PEPRI aprobado polo Pleno inclúe modificacións derivadas da estimación de parte das alegacións presentadas ao documento inicial. Estes cambios veñen motivados polas propostas dos servizos técnicos e xurídicos da propia Xerencia Muicipal de Urbanismo, modificadas en parte polo informe emitido pola Consellaría de Cultura da Xunta de Galicia en marzo de 2006.

Durante o debate plenario de hoxe xoves, PP e BNG salientaron a necesidade do PEPRI para a recuperación do Casco Vello. O portavoz do PP, José Manuel Figueroa, afirmou que "estamos de noraboa porque o Casco Vello vai contar cunha ferramenta de traballo importante" para a súa rehabilitación. Na mesma liña, Xavier Toba, do BNG, asegurou que "este Plan Especial é absolutamente imprescindible".

As maiores críticas ao PEPRI viñeron do representante do PSdeG-PSOE Mauricio Ruiz, quen cualificou de excesivo o aumento do volume edificable de zonas como a da Panificadora e o Barrio do Cura, así como o incremento da altura dos edificios nestas áreas.

Desde hai tempo o Concello busca a recuperación do Casco Vello con iniciativas como o Consorcio para a Rehabilitación desta área da cidade, no que tamén participan a Xunta de Galicia e Zona Franca e que conta cun orzamento de 30 millóns de euros.
Descargar todas as imaxes