Escoitar

Cómic, xoguetes e animación á lectura no Verbum

Os que se acheguen esta fin de semana ao Museo Verbum-Casa das Palabras poderán visitar as exposicións "Cinco anos de BD Banda", de autores galegos de cómic, e "O xogo e o xoguete", sobre as diversas clases de xoguetes que se poden encontrar en diferentes culturas. Ademais, este domingo comezará o ciclo de iniciación á lectura para nenos de 3 a 12 anos.

venres, 12 xan 2007
1168604163comic.jpg
"Cinco anos de BD Banda. Escolma dos novos creadores de banda deseñada galega" é o título da mostra de cómic que se poderá ver no Vérbum ata o próximo 11 de febreiro. Componse de obras orixinais de 34 autores galegos de cómic que publicaron ao longo do último lustro na revista "BD Banda".

A exposición, que chega a Vigo directamente do Salón de Cómic de Cornellá, presenta obras rematadas xunto con bosquexos e mostras do proceso creativo destes novos autores, que se están consolidando como a xeración máis destacada do cómic estatal na actualidade. Nomes como os de Víctor Rivas, Kiko da Silva, Miguel Porto, David Rubín e Andrés Meixide, conforman cos seus traballos unha ampla selección do que se está facendo nos últimos anos no campo da novena arte en galega. Un panorama que está en plena efervescencia e que promete dar moito que falar nos vindeiros anos.

A exposición está organizada en colaboración coa Asociación Cultural BD Banda, promotora da publicación homónima que conseguiu agrupar todos estes creadores e acadou en 2005, por primeira vez na historia da banda deseñada galega, o premio do Saló de Barcelona ao mellor fanzine cunha publicación editada integramente en galego.

Un mundo de xoguetes

Por outra parte, continúa aberta ao público no Museo Verbum-Casa das Palabras a mostra "O xogo e o xoguete", organizada coa colaboración da Fundación Raquel Chaves, que achega máis de 1.000 referencias pertencentes aos seus fondos.

Partindo da concepción do xoguete como representación en pequeno do mundo real, esta exposición, que ofrece a posibilidade de realizar visitas guiadas en grupo, ábrese ao mundo das bonecas (xoguete máis demandado en Nadal ou en calquera outra época en todos os países do mundo), do circo, dos libros, dos medios de locomoción e do material escolar, extraendo os materiais que a compoñen de distintas culturas.

A Fundación Raquel Chaves, de interese galego e con sede en Vigo, achega os fondos desta exposición, que ademais forman parte do Museo Galego da Infancia (MuGaIn). A mostra estará no Verbum ata a fin do curso escolar.

Tanto "Cinco anos de BD Banda" como "O xogo e o xoguete" están situadas na planta baixa do Verbum. Os visitantes poden acceder a esta planta polo prezo de 1 euro e ver calquera destas dúas exposicións ou as dúas, se o desexan, de martes a domingo en horario de 10.00 a 19.00 horas. Os luns o museo está cerrado.

Animación á lectura

O museo Verbum-Casa das Palabras quere consolidarse como referente e lugar de aprendizaxe e lecer nas mañás dos domingos para os máis pequenos. Para iso, e despois das exitosas sesións de contacontos destes dous meses pasados, ofrece neste mes de xaneiro un ciclo de animación á lectura para nenos e nenas de 3 a 12 anos.

A realización deste ciclo correrá a cargo de Xandobela (Xestión e Dinamización Sociocultural), empresa formada recentemente por pedagogos, educadores sociais e monitores de lecer e tempo libre cunha ampla experiencia no traballo sociocultural, con actividades centradas nos máis pequenos en campos como o compromiso coa cultura galega, a promoción e fomento do uso do galego, a ecoloxía, a cultura participativa e a solidariedade.

O obxectivo desta iniciativa é que os cativos sintan a lectura e a comunicación como algo divertido. Para iso, o Verbum acollerá un conxunto de actividades que inclúe murais, elaboración de bonecos, xoguetes, contos e manualidades, con tempo para a recreación da creatividade propia de cada rapaz.

O ciclo de iniciación á lectura comeza este domingo, continuará o 21 e 28 de xaneiro e finalizará o 4 de febreiro. O horario é de 12.00 a 13.30 horas e o prezo, de 1 euro.
1168604163comic.jpg
1168604351xoguete221206.jpg
Descargar todas as imaxes