Escoitar

Os grupos políticos buscarán unha postura conxunta sobre o AVE nun Pleno extraordinario

Os grupos políticos intentarán elevar unha proposta conxunta ao Goberno central sobre a conexión do AVE por Cerdedo e os seus prazos. Para iso decidiron celebrar un Pleno extraordinario o xoves da semana que vén.

xoves, 11 xan 2007
1168527214xeren110107.jpg
A decisión de celebrar este Pleno foi acordada hoxe xoves pola Xunta de Portavoces, que se reuniu despois do Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo a petición do representante do PG Manoel Soto.

Soto afirmou durante o Consello da Xerencia que "non admitiremos ningunha solución que non pase por construír esa alternativa (a de Cerdedo)", engadindo que o Goberno central debe acometela ao mesmo tempo e coa mesma calidade que no caso das conexións con Madrid doutras cidades galegas.

Finalizada a reunión da Xunta de Portavoces, José Manuel Figueroa, do PP, dixo que "hai que seguir reivindicando a entrada do AVE por Cerdedo sen fisuras e definir os prazos para que se faga paralelamente á entrada por Santiago".

O portavoz do PSdeG-PSOE, Xulio Calviño, asegurou que "non pode haber a máis mínima dúbida" sobre o paso do AVE por Cerdedo. Calviño sinalou que os plans do Goberno central priorizan o AVE Santiago-Ourense sobre o de Vigo, pero engadiu que isto "non impide acelerar ao máximo o ramal" da alta velocidade por Cerdedo. Neste sentido, Calviño adiantou que "falaremos cos nosos representantes" nos parlamentos galego e español, facendo "os máximos esforzos" para que a execución desta infraestrutura se acelere.

Xavier Toba, do BNG, cualificou de "moi preocupante" o feito de que non se priorice o AVE a Vigo, e afirmou que esta situación se debe á "inactividade pasmosa" da alcaldesa, Corina Porro. Toba mostrouse preocupado polo posible "uso partidista" da entrada do AVE na cidade e demandou un acordo do Consello Económico e Social nesta materia para a súa posterior ratificación polo Pleno.
Descargar todas as imaxes