Escoitar

O Consello Escolar Municipal respalda a solicitude de retirada da Lei Orgánica de Universidades

martes, 5 feb 2002
O Pleno do Consello Escolar Municipal adoptou respaldar o escrito da Universidade de Vigo respecto á Lei Orgánica de Universidades no que se esixía, entre outros, a súa retirada e a demisión da ministra por presentar unha lei feita de costas á comunidade universitaria.

O escrito xustificaba a solicitude de demisión de Pilar del Castillo por ter argallado unha campaña contra a institución universitaria e contra os seus membros, presentando diante da opinión pública unha visión negativa e falsa da universidade española que é, nestes momentos, a maior xeradora de coñecemento do sistema de Ciencia e Teconoloxía.

O claustro da Universidade de Vigo explicou que a aplicación da Lou terá repercusións para a sociedade tales como o enfeblecemento do sistema universitario público, a vulneración do principio de autonomía universitaria, a pretensión de establecer un retroceso a modelos de universidade vixentes nas épocas non democráticas e maila perda de representatividade dalgúns sectores da comunidade universitaria en órganos colexiados.


Ciclos formativos

O Consello Escolar Municipal acordou tamén respaldar a proposta da asemblea de institutos de ensino secundario sobre a oferta educativa de ciclos formativos de FP e solicitarlle ó Pleno da Corporación a inclusión dun punto na orde do día para tratar a deficitaria oferta existente na cidade. Na vindeira sesión plenaria, pedirá a palabra para intervir o director do Ies de Teis, Antonio Vázquez Vázquez.


Proposta da asemblea de IES sobre a oferta educativa de ciclos formativos de FP

Á hora de elaborar unha rede educativa para a cidade de Vigo e a súa área de influencia, deberíanse ter en conta o tecido socieconómico da cidade e da súa bisbarra: a posible futura creación dunha área metropolitana, o que conleva a necesidade de plantear os servicios e necesidades buscando a complementariedade: a existencia dunha universidade cun mapa de titulacións con predominio das carreiras técnicas e as expectativas do alumnado.

Considérase imprescindible que todas as familias profesionais teñan presencia na rede de ensino público e Vidro e Cerámica, Artes Gráficas e Comunicación, Imaxe e Son están ausentes. Existen familias profesionais que, dada a súa demanda, presentan unha oferta claramente insuficiente tales como Electrónica, Hostalería e Turismo, Informática, Mantemento de Vehículos e Sanitaria. Outra necesidade educativa é a ampliación do Bacharelato de Artes xa que nin en Vigo, nin en toda a provincia de Pontevedra se poden cursar os niveis educativos das Escolas de Artes.