Escoitar

”Descubre Vigo” exhibirá reproduccións pictóricas nas obras de rehabilitación impulsadas polo Concello

martes, 5 feb 2002
imx1060.jpg
Castrillo, Gayoso e Corbalán
O alcalde, Lois Castrillo, e o director xeral de Caixanova, Julio Fernández Gayoso, asinaron un convenio de colaboración para desenvolver os programas ”Arte na rúa” e ”Descubre Vigo” enmarcados no plan de rehabilitación de fachadas de Patrimonio Histórico.

Mediante este programa, a entidade financeira comprométese a elaborar lonas protectoras, con imaxes de obras de arte, que se colocarán nos edificios incluídos no programa de rehabilitación de fachadas do Concello.

Castrillo sinalou o esforzo de xeracións anteriores por construír un Vigo moderno coa mellor arquitectura civil en pedra de Galicia do século pasado, con obras de Jenaro de la Fuente, Palacios e dos irmáns Gómez Román, entre outros. En opinión do alcalde, ese traballo debe valer para que os cidadáns se recoñezan nesa beleza arquitectónica. Castrillo salientou que o Concello está a desenvolver un programa que, ademais de facilitar a recuperación arquitectónica do centro de Vigo e mellorar a calidade de vida dos seus residentes, pretende converter o centro da cidade nun espacio para a cultura e a historia. O programa da Concellería de Patrimonio Histórico xa conta con 100 fachadas rehabilitadas, indicou Castrillo.

As primeiras lonas protectoras instalaranse na Casa Bonín (rúa Areal), no edificio Sanchón (Policarpo Sanz), no edificio Collazo (Montero Ríos), na Casa para Rosendo Silva (praza de Compostela) e no edificio sito na Gran Vía, nº 4. As lonas servirán para anunciar a actuación rehabilitadora que se está executando e como soporte á promoción da arte galega a través de obras catalogadas na colección de arte galega de Caixanova. O seu deseño pactarase entre o Concello de Vigo e a entidade financeira e o espacio destinado á reproducción pictórica será de, cando menos, dúas terceiras partes da superficie da lona.
Descargar todas as imaxes