Escoitar

O Concello instará a Fomento a que instale un dispositivo para mellorar a visibilidade no aeroporto de Peinador

luns, 28 xan 2002
O Pleno da Corporación municipal aprobou unha moción na que se tomou o acordo de dirixirxe ós ministerios de Fomento e Medio Ambiente e Aena para que se tramite, con carácter de urxencia, a dotación dun dispositivo que permita a operatividade en condicións de baixa visibilidade no aeroporto de Peinador.


Adhesión á solicitude de creación dun segundo Xulgado de Familia en Vigo

Fóra da orde do día, presentouse unha moción para adherirse á solicitude de creación dun segundo Xulgado de Familia en Vigo que promove a asociación Xustiza e Sociedade. Esta petición xurdiu trala decisión de dedicar o novo Xulgado de Primeira Instancia de Vigo a asuntos civís en xeral e esíxese a súa dedicación a temas de familia en exclusiva de acordo coa proposta da Inspección do Consello Xeral do Poder Xudicial.


Petición de indulto para unha muller nixeriana condeada á morte

A Corporación emitirá unha petición de indulto para Safiya Huseini, dirixida ó embaixador de Nixeria en Madrid, sentenciada por adulterio segundo a Lei do Estado de Sokoto (Nixeria). O avogado de Huseini presentou unha petición de clemencia perante o Tribunal que será resolta o 18 de marzo de 2002 e da súa resolución dependerá a súa execución por lapidación pública.