Escoitar

O alcalde afirma que Vigo é un lugar axeitado para investir e crear negocios

venres, 25 xan 2002
O alcalde de Vigo, Lois Castrillo, inaugurou no pazo de exposicións de Cotogrande a Feira da Franquicia e o Salón do Emprendedor. Na súa intervención Castrillo subliñou a vitalidade económica de Vigo e da súa bisbarra e definiu a cidade como un lugar axeitado para investir e crear negocios.

Verbas do alcalde

Lembro que o pasado ano, co gallo da inauguración da segunda edición da Feira da Franquicia, referinme a Vigo como a plataforma comercial máis axeitada para introducirse no mercado da eurorrexión que forman Galicia e o Norte de Portugal. Aquela afirmación vese corroborada día a día polos datos que sinalan a nosa cidade como o cerne da actividade industrial e comercial do noroeste da península. O último boletín do observatorio socioeconómico de Vigo, publicado o mes pasado, subliñaba esta circunstancia salientando o alto índice de vitalidade económica de Vigo e da súa área, que contrasta co lixeiro clima de desconfianza xerado no conxunto da economía española.

O crecemento demográfico experimentado na nosa bisbarra, a positiva evolución do emprego nos últimos anos, o asentamento de novas industrias, o crecemento do tráfico portuario, a espectacular progresión da actividade constructiva ou o interese que amosan cada vez máis firmas comerciais por asentarse en Vigo son sinais inequívocos da puxanza económica da nosa metrópole.

Neste contexto, unha feira das características de Franquiatlántico non pode ter mellor marco ca este pazo Nogueira Dalmás, recinto, que como me gusta repetir, é hoxe o mellor escaparate comercial do Noroeste peninsular.

A cercanía de Portugal é un valor engadido ás vantaxes que ofrece este pazo de exposicións do Ifevi. Cónstame que un tercio dos visitantes deste certame proceden do país veciño, un dato que reforza aínda máis o aserto de que Vigo é a mellor plataforma para afrontar proxectos empresariais na Eurorrexión.

Os organizadores da Feira da Franquicia tiveron hai tres anos visión suficiente para decatarse dese potencial que Vigo ofrece a aqueles empresarios que buscan abrir mercados e aproveitar as sinerxias xeradas por unha evolución económica favorable. O certame convertiuse nunha axuda acaída para canalizar iniciativas empresariais e proxectos de autoemprego. O seu rotundo éxito facilitou a súa continuidade.

Este ano Franquiatlántico refórzase cun Salón Emprendedor que constitúe un excelente complemento da oferta da feira. A idea de reunir nun espacio toda a rede pública e privada de apoio ás iniciativas empresariais será un atractivo máis para os visitantes do certame.

Vigo é un lugar axeitado para investir, para crear negocios. Dende as institucións tentamos reforzar o potencial da cidade e apoiar todos aqueles proxectos e ideas que contribúan a crear riqueza e benestar. Feiras coma esta son tamén unha aportación nesa liña, polo que debemos celebrar que Franquiatlántico se consolide e siga a sinalar Vigo como a gran metrópole penínsular do Atlántico.