Escoitar

A Imaxina Jazz Orquestra ensaia para a súa presentación oficial

A Imaxina Jazz Orquestra realiza hoxe , no Conservatorio Superior de Música de Vigo, un ensaio para a súa actuación no <a href = 'http://www.imaxinasons.com/'>Festival de Jazz de Vigo</a>. A actuación, que terá lugar o 1 de xullo, servirá de presentación oficial desta banda de gran formato, que pretende reunir o potencial que atesoura Galicia no campo deste estilo musical.

martes, 13 xuñ 2006
1150196566imaxinaorquestra.jpg
Ao ensaio, que se desenvolverá na Aula de Orquestra do Conservatorio, asistirán o concelleiro de Asuntos Sociais, Ignacio López-Chaves, e o director artístico do Festival de Jazz de Vigo Imaxina Sons, Baldo Martínez.

A Imaxina Jazz Orquestra xorde como primeira iniciativa dentro do ámbito das producións propias do festival Imaxina Sons. Con ela preténdese reunir o potencial que atesoura Galicia nunha banda de gran formato que, de xeito estable, interprete composicións dos autores galegos máis salientables e creativos do panorama jazzístico actual. Polas súas características trátase dunha experiencia inédita en España e, daquela, atractiva para os profesionais, o público e, xa que logo, para os medios de comunicación.

A Imaxina Jazz Orquestra nace cunha dobre vocación. Por unha banda, pretende ser unha plataforma consolidada dentro do festival para presentarlle anualmente ao público galego o seu repertorio. Con miras máis ambiciosas, xorde ademais como esforzo para representar o Jazz que se fai en Galicia e mostralo no exterior, quer a través de intercambios con outros festivais, quer en xiras ou en concertos ao abeiro de colaboracións institucionais.

Como fiel reflexo da calidade dos nosos músicos e da notable progresión que experimentou nas últimas décadas a música de jazz en Galicia, a Imaxina Jazz Orquestra tentará funcionar como unha especie de embaixada cultural fóra das nosas fronteiras. O seu obxectivo final é superar sobradamente a cobertura que algúns músicos galegos de gran talento xa acadaron.

A orquestra presentará unha estrutura orixinal de 16 a 18 músicos. Para o seu concerto de presentación, o 1 de xullo no Teatro-Sala de Concertos do Centro Cultural Caixanova, esta estrutura poderíase ampliar ata un total de 24 músicos, aínda que o seu formato orixinal será o que represente a Galicia nas súas saídas ó exterior.

Os músicos da banda destacan ben pola súa traxectoria e formación, ben por tratárense de novas promesas que empezan a sobresaír no panorama actual. A orquestra pretende, neste último caso, ofrecer un importante apoio á carreira destes músicos mozos.

A dirección e coordinación da Imaxina Jazz orquestra corre a cargo de catro músicos que, liderando diferentes proxectos, representan os catro puntos cardinais do devir do Jazz galego: Abe Rábade, Alberto Conde, Roberto Somoza e Baldo Martínez. A orquestra terá como premisa traballar unicamente con composicións orixinais de autores galegos, desmarcándose así doutras iniciativas de gran formato (big bands) que adoitan interpretar repertorios baseados no acervo musical norteamericano. Os autores elixidos como punto de partida son representativos do presente e o futuro do Jazz en Galicia, e sobresaen polo seu traballo nos campos da improvisación, a composición e os arranxos: Nani García, Abe Rábade, Alberto Conde, Fernando Llorca, Roberto Somoza e Baldo Martínez.

Concerto inaugural

O Festival Imaxina Sons inaugurarase pasadomañá xoves cun concerto a cargo dos artistas portugueses Maria Joao (voz) e Mário Laginha (piano), acompañados pola Orquestra Clássica de Espinho.

A actuación terá lugar no Centro Cultural Caixanova a partir das 22:00. Os prezos son de 12 euros no patio de butacas, 11 no primeiro anfiteatro, 10 no segundo e 9 no terceiro.

Abonos

Por outra parte, xa están á venda os abonos para os concertos do Festival Imaxina Sons que se celebrarán no Centro Cultural Caixanvoa: Maria Joao e Mário Laginha coa Orquestra Clássica de Espinho (15 de xuño ás 22:00), Paolo Fresu P.A.F. Trío (18 de xuño ás 22:00), Louis Sclavis: Napoli’s Wall (25 de xuño ás 22:00), Tolos polo jazz con The Missing Stompers & Roman y Cía & Fernando Argenta (28 de xuño ás 21:00), Imaxina Jazz Orquestra (1 de xullo ás 20:30) e Art Ensemble of Chicago (2 de xullo ás 22:00).

Os prezos dos abonos son de 53,55 euros, para patio de butacas; 49,30, para o primeiro anfiteatro; 45,05, para o segundo, e 40,80, para o terceiro.
Descargar todas as imaxes