Escoitar

Aprobado o II Plan Local sobre Drogodependencias 2006-2008

A Xunta de Goberno aprobou o II Plan Local sobre Drogodependencias e outras Adiccións 2006-2008 (PLDA). Este documento presenta unha radiografía das condutas adictivas en Vigo e propón obxectivos, estratexias e accións concretas para previlas.

martes, 13 xuñ 2006
1150203675drogodep.jpg
O primeiro PDLA constituíuse en 2002 coa participación de 12 asociacións e entidades vinculadas coa prevención, asistencia e incorporación social no ámbito do consumo de drogas e outras condutas adictivas.

Tanto o Concello como os participantes nese I PDLA valoran moi positivamente o desenvolvemento deste, que finalizou en 2004. O punto culminante dese Plan foi o impulso e redacción do primeiro Estudo Epidemiolóxico sobre consumo en mozos e mozas de 14 a 18 anos, realizado pola Universidade de Santiago de Compostela e financiado pola Fundación Barrié de la Maza.

En novembro de 2005 o profesor Elisardo Becoña, da Universidade de Santiago de Compostela, entregou no Concello o Estudo Epidemiolóxico sobre consumo de drogas e outras adiccións en mozos e mozas de 14 a 21 anos no Concello de Vigo. Neste Estudo recóllese, ademais dun exhaustivo diagnóstico sobre a situación do consumo na nosa cidade, a proposta de medidas preventivas para ter en conta en futuros programas.

Con estas premisas redactouse o II PDLA, que ten, en relación co anterior, as seguintes características principais:

- Está baseado nunha análise científica da realidade do consumo a escala local, o que permite perfilar as directrices xerais, medidas e accións dun xeito tecnicamente máis efectivo;

- O seu horizonte temporal é de dous anos e medio, suficiente para valorar os seus resultados e, se fose o caso, redactar un novo Plan;

- Dótase de persoalidade xurídica á organización das entidades que participaron activamente no I PLDA, mediante a posta en marcha dun Consello Sectorial específico, dos previstos no Regulamento Municipal de Participación Cidadá, que contará cun regulamento propio adaptado ás necesidades de participación e intervención pública nesta específica materia no ámbito da saúde. Achégase así a proposta aos principios de gobernanza recollidos nas propostas de perfeccionamento democrático avaladas polos órganos da Unión Europea.

- Prevése a dotación dunha Oficina Técnica estable vinculada ás medidas, accións e traballo técnico-adminitrativo derivado da execución para todo o período previsto de duración do Plan, mediante a proposta de contratación laboral por obra ou servizo de dous técnicos.

- Recolle de xeito pormenorizado medidas estratéxicas, obxectivos e accións para cada área de intervención.
Descargar todas as imaxes