Escoitar

Comezan as obras de demolición de Casa Mar

A conta atrás para a construción do Auditorio-Pazo de Congresos de Vigo está xa en marcha. A alcaldesa, Corina Porro, deu inicio hoxe luns ás obras de demolición de Casa Mar, nos terreos en que se erguerá, no prazo de dous anos e medio, un edificio que definiu como "motor dun novo Vigo".

luns, 12 xuñ 2006
1150116663MARbrindando.jpg
As obras de demolición de Casa Mar executaranse durante os próximos catro meses. Despois comezarán os traballos de excavación e cimentación, que, segundo o arquitecto autor do proxecto, César Portela, se realizarán "con todas as precaucións", xa que o Auditorio contará con tres sotos. Prevese que o novo edificio estea finalizado dentro de dous anos e medio, sen que queden nel referencias do que aínda é Casa Mar.

Ao acto de hoxe luns acudiron, ademais da alcadesa e o arquitecto César Portela, o director xeral de Caixanova, Julio Fernández Gayoso; o presidente de Sacyr, Javier Gayo, e a conselleira de Política Territorial, María José Caride.

No interior do vello edificio de Casa Mar, Corina Porro anunciou que este "edificio emblemático que forma parte da historia de todos os vigueses" será derrubado para "edificar o futuro da cidade", facendo unha "aposta pola cultura e o ocio" para converter a Vigo nunha cidade de servizos, ademais de industrial. Segundo a alcaldesa, o futuro Auditorio fará que Vigo dea "un xiro económico e cultural" e adquira "proxección internacional".

Neste mesmo senso, César Portela afirmou que o Auditorio "ten que ser o miradoiro para contemplar o mar", ao mesmo tempo que "un faro" para que os que veñan por mar "digan que esta é unha cidade con empuxe".

Pola súa parte, Julio Fernández Gayoso considerou que a construción do Auditorio, "obra dun grandísimo arquitecto", pode ser "o primeiro paso dun proceso de modernización desta fronte litoral fermosísima".

Finalmente, María José Caride lembrou que "Vigo é a única das 20 cidades máis importantes de España que non ten auditorio", polo que agora se vai poder cubrir "unha necesidade durante moito tempo desatendida". Ademais, a conselleira de Política Territorial cualificou o proceso que levará á construción desta infraestrutura como un "exemplo de colaboración entre as administracións".
1150116663MARbrindando.jpg
1150116705MARgayoso.jpg
1150116740MARandando.jpg
Descargar todas as imaxes