Escoitar

Os grupos políticos adoptan un código de boas prácticas para o goberno da cidade

Os grupos políticos do Pleno da Corporación aprobaron hoxe luns por unanimidade un "Código de Bo Goberno Local" para que o Goberno da cidade o use como manual de boas pácticas.

luns, 24 abr 2006
O código, presentado como moción e defendido polo concelleiro do PSdG-PSOE Gonzalo Caballero, faise eco das "iniciativas referidas á potenciación da calidade da democracia" salientadas recentemente pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP).

Entre as normas de conduta a que o Pleno deu a súa aprobación unánime figuran as seguintes:

- Os membros do Goberno municipal evitarán os insultos e descualificacións.
- Non se aceptarán agasallos de carácter significativo que vaian máis alá dos usos sociais habituais.
- Coidarase especialmente a igualdade entre homes e mulleres.
- Os membros do Goberno municipal manterán durante o mandato a súa pertenza ao grupo municipal formado pola lista electoral na cal resultaron elixidos.
- Os cargos locais non terán intereses persoais nin clientelares no ámbito das súas decisións ou competencias.
- Estimularanse as medidas que favorezan a transparencia das actuacións e decisións no exercicio das competencias municipais.

Por outra parte, o Pleno deu o seu visto bo á proposta dos socialistas de realizar a designación interina, no prazo dunha semana, dun director ou directora con dedicación exclusiva e plena á Escola de Artes e Oficios.

Outro acordo plenario, proposto como moción polo BNG, foi o de instar a alcaldesa, Corina Porro, a esixir á concesionaria FCC SA o cumprimento do contrato da recollida e transporte de residuos sólidos urbanos.