Escoitar

O Cine Club Lumière contará cunha achega municipal de 10.000 euros en 2006

O Concello achegará 10.000 euros ao Cine Club Lumière para a organización conxunta dunha programación de cine que se desenvolverá nos periodos de marzo a xuño e de setembro a decembro de 2006 no Auditorio Municipal.

mércores, 12 abr 2006
A colaboración entre o Cine Club Lumière e a Concellaría de Festas e Animación Sociocultural, establecida nun proxecto de convenio aprobado pola Xunta de Goberno Local o pasado luns, supón para o Concello a obriga de achegar 5.000 euros dentro dos 15 días seguintes á finalización da programación de marzo-xuño, e outros 5.000 nos 15 días seguintes á fin da do periodo setembro-decembro.

Ademais, o Concello comprométese a reservar o Auditorio Municipal para todos os luns dos dous periodos indicados, para a proxección das películas incluídas na programación do Cine Club Lumière. No caso de esta entidade realizar outros ciclos puntuais noutras datas, o Concello daralle prioridade á hora de reservar o recinto.

Pola súa parte, o Cine Club Lumière deberá presentar antes do día 15 de cada mes unha proposta de proxeccións para o mes seguinte e achegará toda a infraestrutura e equipo humano necesarios para a organización xeral das actividades obxecto do convenio. Outras obrigas do Cine Club Lumière serán as de comezar á hora anunciada ao público as actividades do programa, editar o material gráfico para a difusión destas e presentar ao Concello memorias de cada un dos dous periodos, nas que figuren o número de asistentes, a memoria de prensa e o balance económico con detalle de gastos e ingresos.