Escoitar

O alcalde anuncia que se extremará o control sobre as antenas de telefonía

xoves, 10 xan 2002
O alcalde, Lois Pérez Castrillo, pediulle aos responsables da Xerencia de Urbanismo que extremen o control sobre as antenas de telefonía móbil situadas no término municipal co obxectivo de comprobar que ningunha delas supón risco para a poboación. Lois Castrillo indicou que se inspeccionarán especialmente os arredores de colexios e centros sanitarios.

Vigo conta xa cunha “Ordenanza municipal reguladora das condicións urbanísticas de localización, instalación e funcionamento dos elementos e equipos de telecomunicación”. Esta Ordenanza, a máis avanzada do estado, está en vigor dende maio de 2001. No seu articulado establece que as antenas emisoras de telefonía só se poderán instalar con licencia e en localizacións autorizadas expresamente polo Concello. Esas localizacións serán sempre a máis de 50 metros de calquera construcción e figuran nun plano aprobado pola corporación. Só se permitiría un emprazamento a unha distancia inferior cando se xustificase suficientemente a ausencia de impactos ambientais negativos e a imposibilidade de buscar outra localización.

As instalacións deste tipo que existían con anterioridade á entrada en vigor desta Ordenanza teñen un prazo de dous anos para regularizar a súa situación. Son estas antenas as que van ser inspeccionadas para comprobar se nalgún caso existen razóns que fagan aconsellable que se paralice o seu funcionamento.