Escoitar

O alcalde visita o inmoble que albergará o centro sociocultural de Coruxo

mércores, 9 xan 2002
imx960.jpg
O alcalde de Vigo, Lois Castrillo, visitou o edificio rehabilitado en Coruxo para acoller diferentes dotacións socioculturais. Trátase do inmoble da antiga subestación eléctrica, unha casa que acaba de ser totalmente reformada con fondos municipais e do programa europeo Proder conseguidos a través da Mancomunidade de Concellos de Vigo. O presuposto da obra foi de 380.000 euros.

Este edificio, que ten unha superficie de máis de 600 m2, vai ser posto a disposición das asociacións veciñais da parroquia para que o utilicen para as súas actividades sociais e culturais. Ademáis, no inmoble instalarase un punto de atención municipal onde os veciños poderán obter información e realizar algúns trámites administrativos. Outra parte do edificio reservarase para instalar un local de información turística dos concellos da Mancomunidade.

O alcalde sinalou que a creación deste centro sociocultural en Coruxo hai que enmarcala nun programa dirixido a descentralizar servicios municipais dotando a todos os barrios e parroquias de Vigo de locais onde os veciños poidan facer determinadas xestións administrativas e que ademáis sirvan para albergar actividades sociais e culturais. Lois Castrillo afirmou que moi pronto tamén disporán de centros semellantes Teis, o Barrio Histórico ou Saians entre outros lugares.

O alcalde explicou que o goberno municipal non só está a impulsar a creación de grandes infraestructuras culturais como o Museo de Arte Contemporánea ou a Casa das Palabras senon que tamén está creando unha rede de dotacións culturais en barrios e parroquias que persegue achegar servicios aos cidadáns incrementar a calidade de vida dos residentes en puntos do municipio alonxados do centro urbano.
Descargar todas as imaxes