Escoitar

O Concello estuda axilizar a rotación das prazas da ORA usando os últimos avances tecnolóxicos

O Concello estuda mellorar o funcionamento da ORA apoiándose nos últimos avances tecnolóxicos. Segundo asegurou o concelleiro José Manuel Figueroa, un novo sistema de control permitirá axilizar a rotación dos vehículos sen incrementar as tarifas e mantendo os postos de traballo dedicados a este servizo.

venres, 30 dec 2005
1135950553ORA301205.jpg
O concelleiro de Mobilidade e Tráfico, Antonio Coello, foi o encargado de presentar hoxe venres o borrador do estudo, que será remitido aos grupos políticos do Concello para discutíreno despois das festas de Nadal. Coello explicou que a axilización do sistema actual se baseará na implantación de diversas políticas en función das necesidades do tráfico, de maneira suficientemente intuitiva, cómoda e sinxela como para facilitar o seu uso por parte de todos os usuarios.

Un dos principais obxectivos do novo sistema será forzar a rotación das prazas da Zona ORA, creándolle ao usuario a necesidade de axilizar as súas xestións, pero sen obrigalo a perder tempo no uso do propio sistema. José Manuel Figueroa afirmou que deste xeito as prazas da ORA poderán rexistrar de seis a oito ocupacións cada día.

Con este fin poranse en marcha medios para informar os cidadáns, a través de SMS ou correos electrónicos, de circunstancias programadas que, como as obras, poden afectar ao estacionamento de vehículos. Ademais, incrementarase o uso de tecnoloxías como a visión artificial, que permitirán, segundo expuxo Antonio Coello, controlar todas as prazas, informando ao sistema de cando unha praza está libre e de cando se ocupa. A visión artificial apoiarase en PDA con comunicacións GRPS e servidores que centralizarán a información a través de Internet.

Así, os operadores da Zona ORA poderán servirse de información que recibirán nos seu PDA en relación a cada unha das prazas, co seu tempo de ocupación e alarmas predefinidas. Así mesmo, todos os cidadáns, sexan residentes ou de rotación, poderán inscribirse nun servizo especial que informará sobre alarmas de exceso de ocupación ou calquera outra mensaxe que o servizo ORA estime conveniente.

No caso de ter que pagar, o usuario poderá facelo por medio da tarxeta do cidadán, a tarxeta de crédito, moedas ou a través do teléfono móbil. Para os residentes estableceranse horarios preprogramados distintos aos dos clientes de rotación, especialmente en horas nocturnas ou festivas.

Outra das medidas previstas polo Goberno local en relación á ORA é a de manter o número de prazas que este servizo ten na actualidade.
Descargar todas as imaxes