Escoitar

José Manuel Iglesias entrega os premios do Concurso de Debuxo Infantil de Aqualia

Co gallo do Día Mundial da Auga, Aqualia convocou o seu Concurso de Debuxo Infantil, do que resultaron gañadores o Colexio Compañía de María, na categoría colectiva, e unha alumna de nove anos do Colexio García Barbón, na categoría individual.

mércores, 14 dec 2005
Os premios, senllos ordenadores de última xeración con impresora a cor, foron entregados hoxe mércores no Concello polo concelleiro de Servizos Xerais, José Manuel Iglesias. En representación de Aqualia acudiu Lucas Díaz, director do Servizo de Vigo.

Os outros galardóns colectivos, de cada unha das zonas xeográficas en que está presente Aqualia correspondéronlles a colexios de Badaxoz, Talavera de la Reina (Toledo), Mérida (Badajoz), Dénia (Alicante) e Puebla de Cazalla (Sevilla), que en recoñecemento por seren os centros escolares de zona que máis debuxos presentaron ao certame, recibirán un ordenador de última xeración con impresora. Ademais, resultaron gañadores, na categoría individual, outros catro nenos dos municipios de Güimar (Tenerife), Badaxoz, Cassá de la Selva (Xirona) e Sanlúcar de Barrameda (Cádiz).

Aqualia, que considera un éxito este certame, agradece a todos os nenos participantes a súa creatividade e esforzo, e informa de que seguirá desenvolvendo iniciativas como esta para difundir o sentido da responsabilidade que o conxunto da sociedade debe ter con respecto ao uso da auga.

O concurso, que este ano se convocou baixo o lema "As túas cores para un planeta azul", chamaba á participación aos nenos que cursan 3º e 4º de Primaria nos máis de 700 municipios en que Aqualia xestiona o ciclo da auga.