Escoitar

Corina Porro ordena accións legais para conseguir un Xulgado do Mercantil

A alcaldesa, Corina Porro, ordenoulle aos servizos xurídicos do Concello a interposición do recurso contencioso-administrativo contra o Real Decreto 119/05 de 10 de outubro do Ministerio de Xustiza polo cal se crea e constitúe o Xulgado do Mercantil nº 2 de Pontevedra.

mércores, 14 dec 2005
Segundo se deu conta na sesión da Xunta de Goberno de hoxe mércores, os servizos xurídicos do Concello, en cumprimento da dita orde, prepararon o anuncio de interposición do recurso contencioso-administrativo, que se presentou ante a Sala do Contencioso-Administrativo da Audiencia Nacional.

Xunta de Goberno

Noutra orde de cousas, a Xunta de Goberno adxudicou a Dielectro Galicia SA varios lotes do concurso para a subministración de material eléctrico, que inclúen luminarias por un prezo de 60.000 euros, bloques ópticos para farois (30.000 euros), postes de formigón (15.000 euros), columnas (30.000 euros) e a mellora da iluminación de Cabral-Igrexa (65.000 euros).

Tamén resultou adxudicado o procedemento negociado para a contratación do deseño e produción das carrozas para a Cabalgata de Reis, por un importe de 44.000 euros. O adxudicatario é Mantín Ricardo Arévalo.

Por outra parte, a Xunta de Goberno deu o seu visto bo a un convenio de colaboración entre o Concello e a Xunta para levar a cabo durante 2006 accións de inserción social e laboral destinadas a persoas desfavorecidas residentes no termo municipal. A Xunta achegará 145.000 euros e o Concello, 19.500.

Tamén na área de Benestar aprobouse un convenio de colaboración coa Cruz Vermella para a realización do proxecto de atención a persoas maiores "Envellecemento saudable", cunha achega municipal de 12.870 euros anuais e con vixencia ata o 31 de decembro de 2006.