Escoitar

Presentado o novo sistema de xestión do tráfico de Vigo

O primeiro tenente de alcalde, José Manuel Figueroa, os concelleiros Antonio Coello e José Manuel Iglesias e responsables da empresa Esycsa presentaron hoxe mércores o novo sistema de xestión do tráfico da cidade.

mércores, 14 dec 2005
1134570361trafico141205.jpg
O Concello de Vigo, en data 28 de abril de 2003, adxudicou ao Grupo ETRA a concesión para a ampliación, substitución, mantemento, conservación, reparación, subministro, instalación e explotación das instalacións de regulación, control e información de tráfico de vehículos e circulación de peóns na rede viaria, e prestación de servizos complementarios.

O Grupo ETRA, líder no sector de tráfico e transporte, con tecnoloxía punta en sistemas de xestión da circulación, achegou a súa nova solución aos problemas de mobilidade que se aplicará en Vigo no transcorrer dos vindeiros meses.

O novo sistema constitúe unha solución avanzada no eido da regulación e información de tráfico, adiantándose ao seu tempo con desenvolvementos nas áreas de comunicacións, informática e equipamento que proxectan a solución adoptada cunha visión de futuro que non só contempla a máxima seguridade funcional senón unha operativa completa que ofrece ás persoas usuarias da vía a posibilidade de coñecer o estado do tráfico, os posibles incidentes que puidesen acontecer, as causas que os producen e as alternativas para optimizar a súa viaxe.

As características do sistema que se instalará son as seguintes:

Un anel de fibra óptica constitúe a espiña dorsal das comunicacións, e permite de forma dixital, a velocidade de xigabit (mil mega bits) a transmisión tanto dos datos correspondentes á regulación do tráfico e información á persoa usuaria, como das imaxes de televisión que axudarán aos operadores a manexar o sistema.

A este anel conéctanse, por un lado, os dispositivos e equipos a instalar na rúa e, por outro, os ordenadores e demais elementos da sala de control.

Os principais equipos que estarán na vía pública son os destinados a regular a circulación mediante os correspondentes semáforos, os detectores que miden o paso dos vehículos e envían os datos ao ordenador central e os paneis que informarán ás persoas conductoras da situación do tráfico en tempo real.

Todos eles constitúen unha novidade polo seu deseño e especiais características.

O sistema está preparado para controlar semáforos de tecnoloxía de estado sólido, con iluminación mediante LEDS de luz fría que ademais de aforrar un 75% de enerxía eléctrica, duran 100,000 horas (50 veces máis que as actuais lámpadas incandescentes), e non presentan o inconveniente de confusión de que cor está encendida segundo como incide a luz solar en certos momentos do día, como o instalado na Praza de América.

Os reguladores que controlan os semáforos serán verdadeiros ordenadores tipo PC, comunicados coa sala de control co mesmo protocolo universal que se emprega en Internet, e ademais compatibles con normas UNE de AENOR, o que garante un sistema aberto cuxa evolución cara o futuro está totalmente garantida.
Os paneis que se instalarán disporán de catro líñas de 12 caracteres de tipo texto e dúas gráficas para amosar sinais ou diagramas a toda cor.

Ademais a persoa usuaria poderá consultar dende a súa casa ou oficina o estado do tráfico, o nivel de conxestión das rúas e inclusivel ver imaxes tomadas polas cámaras de TV para decidir con coñecemento real o modo e percorrido da súa viaxe.

O funcionamento integral do sistema, como se apreza na figura consiste en medir o paso dos vehículos mediante os detectores instalados no pavimento, enviar estes datos, xunto coas imaxes de TV á sala de control onde os ordenadores instalados calcularán en tempo real e de forma totalmente automática os tempos de verde dos semáforos e as ondas verdes, enviando aos paneis a información que axudará ás persoas conductoras a trasladarse aos seus lugares de destino da forma máis cómoda e confortable posibel.

Os operadores da Sala estarán ao corrente das incidencias que poidan producirse e actuarán sobre as estratexias de control cando o consideren adecuado e especialmente nas ocasións que a situación do tráfico, posibles accidentes, manifestacións ou acontecementos particulares así o precisen, coidando constantemente o cumprimento do mantemento tanto preventivo como correctivo para evitar e reparar as avarías que poidan xurdir.

Igualmente se ocuparán do control de calidade de todo o sistema, revisando permanentemente o estado da circulación e os seus principais itinerarios e comprobando que a mobilidade permanece nun nivel adecuado e detectando os puntos de conflicto para atopar e propoñer solucións que melloren a mobilidade.
Descargar todas as imaxes