Escoitar

A alcaldesa presenta a Alfonso Ramos como xerente do Consorcio Casco Vello

A alcaldesa, Corina Porro, presentou hoxe mércores a Alfonso Ramos como novo xerente do Consorcio Casco Vello, organismo a través do cal o Concello, Zona Franca e a Xunta de Galicia pretenden rehabilitar esta zona da cidade.

mércores, 7 set 2005
1126095278casco0709.JPG
Corina Porro cualificou a Alfonso Ramos de persoa cun "perfil idóneo para esta altísima responsabilidade". O novo xerente do Consorcio Casco Vello é licenciado en Dereito e ten unha longa experiencia como funcionario no Concello de Vigo, tendo ocupado, entre outro cargos, a xefatura de Urbanismo e a secretaría de varias comisións.

Alfonso Ramos será o encargado de desenvolver o modelo de xestión "áxil e eficaz" que a alcaldesa propugna para lograr a rehabilitación integral do Casco Vello, unha zona que nos últimos anos veu padecendo unha tendencia xeneralizada ao despoboamento e ao deterioro.

Segundo relatou o novo xerente do Consorcio, no Casco Vello viven unhas 3.000 persoas, cun nivel socioeconómico medio inferior ao do conxunto do municipio. Das 2.000 vivendas que hai nesta zona da cidade, un 1% está "en moi mal estado". A situación doutro 20% de vivendas foi cualificada por Alfonso Ramos de "regular".

Ademais, o Casco Vello conta cuns 660 locais comerciais, dos cales un 40% son locais desocupados. Alfonso Ramos anticipou que un dos obxectivos do Consorcio é o de dinamizar a actividade comercial.

Por outra parte, o Consorcio Casco Vello tamén se encargará de coordinar as políticas das distintas administracións, así como de adquirir directamente inmobles para rehabilitalos. O que se pretende con isto é cumprir cunha política de desenvolvemento e cohesión que incorpore poboación ao Casco Vello, respectando os que xa viven na zona, e que incentive o investimento privado, de xeito que chegue a representar entre un 140% e un 160% do investimento público.

Para realizar estes obxectivos, as entidades que forman parte do Consorcio Casco Vello investirán ata 2009 nesta parte da cidade arredor de 30 millóns de euros, dos cales 15 millóns corresponderán a Zona Franca, 12 procederán de fondos da Xunta de Galicia, e 3 correrán a cargo do Concello.

Agora toca pór en marcha o Consorcio, o que comporta elixir unha sede e dotar o organismo de recursos materiais e humanos. Con respecto a estes últimos, Alfonso Ramos adiantou que o persoal do Consorcio será "pouco e especializado". Canto á sede, estanse a barallar varios lugares no propio Casco Vello.
Descargar todas as imaxes