Escoitar

"Vigomar 2005" converterá a nosa cidade en capital do marisco

O porto do Berbés acollerá, desde o venres 9 ata o domingo 11 de setembro, as III Xornadas Gastronómicas e Marisqueiras "Vigomar 2005", nas que a degustación dos productos da nosa ría será acompañada de música folclórica, exposicións, fútbol sala e inchables para os máis pequenos.

mércores, 7 set 2005
1126095383marisco2.JPG
A concelleira de Turismo e Comercio, Lucía Molares, dixo durante a presentación deste evento que este ano as Xornadas recibirán "un novo pulo, con actividades lúdicas, musicais e para nenos". A concelleira engadiu que "Vigomar 2005" pode ser unha boa ocasión para promocionar o turismo da cidade, "xa que moitas persoas de fóra poderán achegarse e degustar os productos da nosa ría".

Os que asistan a este evento poderán degustar mariscadas grandes e medianas, asados á prancha, empanadas e arroz de marisco, todo isto regado con viños Albariño, Ribeiro e Mencía.

O ano pasado, estas Xornadas Gastronómicas e Marisqueiras reuniron unhas 30.000 persoas, que consumiron un total de 30 toneladas de marisco. Este ano, os organizadores do evento, entre os cales están o Concello, a Autoridade Portuaria e a Deputación de Pontevedra, queren que a festa non se circunscriba só ao porto.

Para iso, están previstos varios desfiles musicais a cargo de grupos folclóricos. As actuacións musicais inclúen un festival internacional de folclore o sábado 10 a partir das 22:30, no cal participarán bandas de Galicia, de Portugal e da Comunidade Valenciana.

O programa das Xornadas complétase cun trofeo de fútbol sala e inchables gratuítos para o público infantil. O pregón de apertura de "Vigomar 2005" será lido por Sergio Pazos o venres 9 ás 12:00.
1126095383marisco2.JPG
1126095412marisco.JPG
Descargar todas as imaxes