Escoitar

Empresas e asociacións poden beneficiarse do servicio de xestión de avisos de Participación Cidadá

mércores, 15 mai 2002
O novo servicio de xestión de avisos da Concellería de Participación Cidadá esténdese a empresas e asociacións, ademais dos cidadáns que xa dispuñan del, e consiste na posibilidade de recibir no seu teléfono móbil ou no seu enderezo electrónico información sobre asuntos de interese para os usuarios.

Na actualidade, 1.300 cidadáns de Vigo atópanse xa inscritos no servicio de xestión de avisos, maioritariamente para avisos a móbiles (95%) e, en menor medida, a través de direccións de correo electrónico.

A posta en marcha deste servicio continúa na liña da Concellería de mellorar o servicio de información que dende o Concello se lles ofrece aos cidadáns, complementando actuacións pasadas e recentes tal é o caso do buzón de voz conectado ao 010 e á centraliña posto en marcha recentemente.

Este servicio informa sobre prazos (na data de inicio) de cobros dos impostos municipais, imposto vehículos de tracción mecánica (IVTM), taxa pola recollida do lixo, imposto sobre bens inmobles (IBI), exaccións unificadas industriais (EUI) ou imposto sobre actividades económicas (IAE).

Avisarase na data de inicio do cobro e do prazo para efectua-lo seu aboamento. Avisarase ademais das convocatorias de oferta de emprego público do Concello de Vigo.

Os interesados en suscribirse poden facelo no teléfono 010 en Vigo ou no 986-810260 se chaman dende fóra de Vigo ou dende un móbil. Poden cubrir o impreso que se atopa na páxina web de Concello (www.vigo.org/atcidada/ ) no servicio de Atención Cidadá (Anexo I e II) ou enviando unha mensaxe ao móbil 639787100, na que se indiquen: os apelidos e nome e tipo de aviso que se desexa, impostos e/ou emprego público.

É un servicio gratuíto que ofrece a Concellería de Participación Cidadá a través do seu servicio de Atención Cidadá-010. O usuario só asumirá o custo da solicitude en función do medio empregado (chamada local, mensaxe dende móbil, conexión a internet).