Escoitar

A web da Concellería de Desenvolvemento Local e Emprego recibe en tres meses unha media de 65.000 visitas

martes, 14 mai 2002
Desde a súa creación no pasado mes de xaneiro, a páxina web da Concellería de Desenvolvemento Local e Emprego, emprego.vigo.org, recibiu unha media de visitas mensual de máis de 65.000 usuarios de Internet. O interese polos programas e servicios municipais de formación e emprego motivou só no derradeiro mes de abril a impresión de 4.890 páxinas da web por parte dos visitantes.

Hai que destacar a cifra de usuarios internacionais que alcanzou o 36,3 % dos accesos, destacando a orixe dos mesmos que na súa maioría foron de países sudamericanos. Neste senso, está previsto que as visitas internacionais se incrementen cando sexa posible o acceso desde diferentes buscadores.

Como datos anecdóticos deste primeiros balances do funcionamento da web do Plan Municipal de Emprego, destaca o día 4 do pasado mes de abril como a xornada que rexistrou máis entradas, chegando a 4.431 consultas, e a hora máis activa a franxa de 19,00 a 20,00 horas.

A información desta páxina web, que comezou a funcionar o pasado mes de xaneiro e á que se accede a través do sitio do Concello de Vigo, non só vai dirixida ós desempregados, senón que tamén ten o seu apartado específico para fomentar e asesorar ós que elixen o camiño do autoemprego para a súa inserción no mercado laboral e facilitar ás empresas a contratación de traballadores.

As persoas en situación de desemprego a través deste sitio na Red poden solicitar unha cita ó Servicio de orientación laboral (SOL), acceder ás ferramentas básicas para unha busca activa dun posto de traballo (curriculum vitae, carta de presentación,...) ou ter a súa disposición toda a información relativa ó emprego, tanto do Plan Municipal de Emprego como en xeral.

Pola súa parte, as persoas con proxectos empresariais teñen a posibilidade de contar con toda a información relativa ás axudas municipais á contratación e á creación de empresas, que a Concellería de Desenvolvemento Local e Emprego convoca cada ano, e tamén teñen a posibilidade de pedir unha consulta cos técnicos do Servicio de asesoramento a emprendedores (SAE).

EMPREGO.VIGO.ORG