Escoitar

Vigo colabora con Cangas e a Xunta para abaratar e integrar o transporte metropolitano

A Consellería de Política Territorial e os Concellos de Vigo e Cangas colaborarán na posta en marcha de medidas que fomenten e potencien o transporte marítimo de viaxeiros entre as dúas poboacións.

martes, 7 xuñ 2005
1118148383protocolo0706.jpeg
A alcaldesa de Vigo, Corina Porro; o conselleiro de Política Territorial, Alberto Núñez Feijóo; e o alcalde de Cangas, Enrique Sotelo, asinaron esta mañá na nosa cidade un protocolo no que se sentan as bases para a colaboración entre os dous concellos e a Xunta no ámbito do transporte metropolitano.

Corina Porro lembrou que a creación da Área Metropolitana de Vigo, actualmente en trámite, suporá novas competencias e novos servizos mancomunados que, como o do transporte, "poderán optimizarse".

Pola súa banda, Alberto Núñez Feijóo dixo que este protocolo "supón un paso adiante para ampliar e mellorar a implantación do Plan de Transporte Metropolitano na área de Vigo". O conselleiro salientou, ademais, "a importancia social que ten o transporte marítimo nesta comarca, xa que no ano 2004 supuxo o 35,6 do total".

Enrique Sotelo afirmou que grazas á colaboración entre os concellos e a Xunta "os habitantes das parroquias máis apartadas de Cangas poderán coller o autobús , subir ao barco e logo ao Vitrasa cunha única tarxeta".

Bonificacións e integración

Ademais, a política tarifaria contida no protocolo asinado hoxe suporá unha importante rebaixa do prezo dos billetes. Así, o do barco ordinario, que agora ten un prezo de 1,75 euros, pasará a ser de 1,45 euros. O resto de billetes bonificados, como os que usan os estudantes e os traballadores, tamén pasarán a ser 0,30 euros máis baratos.

O Plan de Transporte Metropolitano tamén implica reduccións no prezo do billete de autobús, que ten establecido o mínimo tarifario en 1,10 euros e pasará a custar 0,68 euros, igual que o transporte urbano de Vigo. No resto dos billetes establecerase unha minoración de 0,35 euros por viaxe.

O protocolo sinala como obxectivo a progresiva integración tarifaria do transporte por estrada e o marítimo, coa extensión aos seus respectivos ámbitos tanto da futura tarxeta metropolitana como do medio de pagamento electrónico do transporte urbano de Vigo. Isto permitirá aplicar as bonificacións correspondentes ao uso destes medios de pagamento.

Transporte metropolitano

A Xunta e os concellos de Vigo e Cangas manifestaron hoxe a súa vontade de priorizar a sinatura do convenio que concrete todas estas medidas, tanto as relativas ao transporte marítimo como o de estrada, no prazo de dous meses. Así mesmo, as tres institucións mostráronse dispostas a facilitar a adhesión ao ámbito da área de transporte metropolitano de Vigo do resto de administracións locais previstas nela. Política Territorial espera, polo tanto, que estas medidas estean operativas a finais de setembro, momento a partir do cal os cidadáns poderán disfrutar dos descontos no prezo dos billetes.

A área de transporte metropolitano está integrada polos concellos de Vigo, Cangas, Moaña, Redondela, Mos, O Porriño, Nigrán e Gondomar, cunha poboación de 424.000 habitantes, o 15,5% do total de Galicia.
Descargar todas as imaxes