Escoitar

Concello e Política Agroalimentaria farán fronte a diversas obras de infraestructura no rural

A Xunta de Goberno Local aprobou ademais o convenio para a celebración do Concurso nacional de Piano, o proxecto de humanización da rúa Velázquez Moreno e un convenio coa Universidade en materia de Mobilidade.

luns, 18 abr 2005
1113829308chema.JPG
A Xunta de Goberno Local deu conta das obras de infraestructura rural das que se fará cargo a consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural por un importe de 120.000 euros e que consisten nas seguintes: Proxecto de mellora de infraestructura rural no lugar de Castro-Rodeiro, proxecto de mellora de drenaxe superficial no camiño de Sanín en San Andrés de Comesaña, proxecto de mellora do camiño do Xalón na entidade local menor de Bembrive e proxecto de saneamento na estrada marco (camiño interior en Sárdoma). O Concello comprométese a poñer a disposición da consellería todos os terreos necesarios para a execución destas obras libres de cargos e gravames, así como eximir estas obras de calquera taxa municipal. Ademais o Concello asume a explotación, mantemento e conservación do resultado das actuacións.

A Xunta ratificou o convenio de colaboración entre o Concello e a consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo para a celebración do Concurso Nacional de Piano que contará cun orzamento duns 18.000 euros.

No área de Benestar Social aprobouse o convenio de colaboración entre a Universidade de Vigo e a Concellería de Participación Cidadá, para a realización dun programa de relacións interxeracionais con voluntariado a desenrolar ao longo de 2005 e que consistirá na visita guiada de persoas maiores ás instalacións universitarias. En cultura, a Xunta aprobou unha subvención á Fundación Laxeiro por importe de 66.000 euros.

Aprobouse o proxecto técnico para a humanización da rúa Velázquez Moreno entre a rúa Príncipe e Policarpo Sanz. Trátase de que a zona adquira un carácter humanizado e peatonalizado, mantendo tan só o acceso dos vehículos usuarios do aparcadoiro de Velázquez Moreno e do garaxe do Edificio Banesto. Esténdense as zonas dedicadas aos peóns ampliando a superficie das beirarrúas e restrínxese a actual zona de rodadura e do aparcadoiro. Tamén mellórase o tratamento da vía mediante a pavimentación en pedra, a creación de dous liñas de arborado de alcornoques e a substitución dos elementos de iluminación e mobiliario urbano.

Concello e Universidade asinarán un convenio en materia de mobilidade por un importe de 30.000 euros a pagar en dous anos: 23.000 euros en 2005 e 7.000 en 2006. Como obxectivo mínimo establécese o Pacto Cívico de Mobilidade e Accesibilidade, que dará participación aos distintos axentes sociais e representativos, sostidos por unha Mesa pola Mobilidade e Sostibilidade, que funcionará como órgano base. Entre as actuacións previstas destacan: o análise de antecedentes, estudos e proposta dunha Ordenanza de Mobilidade; o deseño de rutas para o tráfico pesado e propostas de sendas urbanas peonís; o análise estudo e proposta de modificación ou ampliación das zonas de carga e descarga, con especial concreción nas rúas Isaac Peral, Travesía de Vigo, Pizarro, Gran Vía e Coruña. A dirección do traballo correrá a cargo do catedrático Juan Leiceaga e o profesor Esteban López por parte da Universidade e Juan Ramón Comesaña Alén por parte do Concello que actuará como coordinador.

No ámbito de Patrimonio e Contratación a Xunta aprobou o expediente de renovación de dous dos ascensores principais da Casa do Concello, cun gasto de 208.500 euros. No mesmo ámbito a Xunta adxudicou o concurso para a xestión da Escola Infantil Municipal "Costeira" de Saiáns a Eulen Servicios Sociosanitarios por un importe de 168.336 euros anuais cunha duración de dous anos.

Modificación orzamentaria

O concelleiro José Manuel Figueroa deu conta do expediente de modificación orzamentaria, que deberá ser levado ao próximo pleno para a súa aprobación, por un importe de 11.699.160,72 euros. Este crédito extraordinario servirá para facer fronte a inversións como a mellora de beirarrúas en Coia (1.000.000 de euros), a urbanización da zona de Barreiro (832.928 euros), o edificio do Rectorado (1.000.000 de euros), diversas obras no rural (1.000.000 de euros), a praza pública do Berbés (600.000 euros), a actuación na Travesía de Vigo (1.000.000 de euros) e o pagamento dos terreos do auditorio (1.556.779 euros), entre outras actuacións, ademais do pagamento das débedas contraídas polo Concello nesta lexislación e nas anteriores.
Descargar todas as imaxes