Escoitar

O Festival Internacional e o Concurso Nacional de Piano Vigo 2005 celebraranse do 19 de abril ao 1 de xuño

A alcaldesa, Corina Porro, presentou no Concello o Festival Internacional e o Concurso Nacional de Piano Vigo 2005. O Festival Internacional traerá á nosa cidade, do 19 de abril ao 1 de xuño, algúns dos máis destacados intérpretes deste instrumento. No Concurso Nacional, que terá lugar do 26 de maio ao 30 de maio, competirán pianistas de España e Portugal nas categorías infantil, xuvenil e novo concertista.

venres, 15 abr 2005
1113571669piano2.jpg
A alcaldesa, Corina Porro, presentou hoxe venres no Concello o Festival Internacional e o Concurso Nacional de Piano Vigo 2005. Estes eventos, enmarcados no programa cultural de Vigo 2005, supoñen, segundo Corina Porro, un respaldo ao "importantísimo papel da música na educación".

O Festival Internacional de Piano Vigo 2005 traerá á nosa cidade algúns dos máis destacados intérpretes deste instrumento. Así, o 19 de abril, ás 20:00 no Auditorio Caixanova, o Festival abrirase coa actuación do pianista español de orixe cubana Leonel Morales,. Nesta cita, que a alcaldesa cualificou de "grande acontecemento musical", Leonel Morales tocará pezas de Beethoven, Liszt, Ravel, Lecuona e García Abril, combinado as excepcionais dotes naturais, técnica, talento e inspiración que o levaron a triunfar nos máis importantes concursos internacionais de piano.

Dentro da programación do Festival actuarán tamén en Vigo os recoñecidos pianistas Antonio Di Cristofano (26 de maio), Francesco Monopoli (27 de maio), Pierluigi Camicia (28 de maio), Enrique Bátiz (29 de maio), Giovanni Humberto Battel (30 de maio) e o gañador do 5º Concurso Internacional de Las Rozas de Madrid, Evgueni Starodoubtsev.

O Concurso Nacional de Piano "Compositores de España" celebrará "con vocación de continuidade", segundo afirmou Corina Porro, a súa primeira edición do 26 de maio ao 1 de xuño. Este Concurso, aberto tamén a pianistas portugueses, comprende tres categorías: infantil (ata os 12 anos), xuvenil (dos 13 aos 18 anos), e novo concertista (de 19 a 33 anos). A data límite para inscribirse é o 10 de maio.

Cada ano, o Concurso dedícase a un compositor español. Na presente edición homenaxéase a Antón García Abril, interpretándose as súas diferentes obras escritas para piano. Tamén se poderán escoitar no Concurso obras escritas por compositores galegos.

Para a categoría infantil establécense un primeiro premio de 600 euros, un segundo de 300 e un terceiro de 200. Nesta categoría tamén haberá un premio á mellor interpretación da obra de Antón García Abril, de 300 euros, e un premio á mellor interpretación dun compositor galego, con outros 300 euros.

Na categoría xuvenil entregaranse un primeiro premio de 2.000 euros, un segundo de 1.000 e un terceiro de 600. Os premios ás mellores interpretacións da obra de Antón García Abril e dun compositor galego serán de 600 euros cada un.

Dentro da categoría novo concertista haberá un primeiro premio de 6.000 euros, un segundo de 3.000 euros, e un terceiro de 1.500. Para os mellores intérpretes da obra de Antón García Abril e dun compositor galego establécense senllos premios de 800 euros.
O pianista Leonel Morales dixo que este Concurso é "un acicate para os rapaces", xa que lles permite "ver que teñen unha porta aberta para compararse cos pianistas de todo o país".
1113571669piano2.jpg
1113571687piano.jpg
Descargar todas as imaxes