Escoitar

O rally clásico Costa Atlántica volve en xuño cunha edición máis internacional

A II edición do Rally Internacional Costa Atlántica Classic sairá o próximo 22 de xuño de Oporto para chegar tres días despois á illa da Toxa. Ademais da competición de regularidade e de elegancia, nesta segunda edición haberá unha modalidade turística.

venres, 15 abr 2005
1113569981VIGO.jpg
A concelleira de Turismo e Deportes, Lucía Molares, xunto co organizador da proba, Rafael Cid, e o delegado da casa patrocinadora "Alfa Romeo", Andrés Bispo, presentaron no fermoso marco do Pazo dos Escudos de Alcabre a II edición do Rally Internacional Costa Atlántica Classic, unha proba de regularidade que se vai disputar entre Galicia e Portugal os días 22, 23, 24, e 25 de xuño. Segundo a concelleira esta carreira é unha mixtura de tradición, competición e turismo, que conta coa particularidade e o atractivo de ver aos participantes ataviados da época dos seus vehículos.

Rafael Cid explicou que este ano a carreira é mais internacional xa que a metade da proba desenvólvese en Portugal. A primeira etapa sae dende Oporto e pasa por Braga e Guimaraes, onde se descansará nunha fermosa posada que foi convento agustino. Na cidade de Braga aproveitarase o circuíto de velocidade para facer algunhas probas cos coches participantes.

Ao día seguinte a etapa pasa por Vilanova da Cerveira para cruzar o ponte da Amizade e chegar a Baiona. Pola tarde chega a Vigo onde se parará en Samil xunto á Casa das Palabras para que os asistentes poidan ver os vehículos. O último día a etapa sae de Vigo e chega a Sanxenxo e A Toxa, onde terá lugar o concurso de elegancia. "Este concurso premia o atuendo dos participantes, que debe ir en consonancia co coche, tanto pola súa época como polo país de orixe", explica Rafael Cid.

Esta proba destinada a vehículos construídos entre 1935 e 1975 conta xa con 20 vehículos inscritos dos 60 que se admiten na proba e a organización agarda unha maior participación á do ano pasado, cando houbo 33 coches en carreira. O prazo, aberto dende o 1 de xaneiro, pecharase o 15 de maio. Rafael Cid comentou a existencia dunha modalidade "turista" para propietarios que non queiran competir, cun trazado máis curto e con paradas e visitas turísticas nas principais cidades de paso.

O II Rally Internacional Costa Atlántica Classic contará con algúns invitados especiais que farán de embaixadores para darlle publicidade á proba en posteriores edicións. Ademais de significativos xornalistas portugueses a organización invitará a participar na carreira a John Davenport, copiloto británico que participou no mundial de rallys durante moitos anos e actualmente traballa como xornalista deportivo no seu país. Pola parte española achegarase o xornalista vigués Josemi Rodríguez Sieiro.
Descargar todas as imaxes