Escoitar

As actividades en inglés da Biblioteca Central conseguen unha gran aceptación por parte do público

As actividades de inglés programadas na Biblioteca Central, que se desenvolven de febreiro ata maio, teñen logrado unha ampla aceptación entre o público ao acadar cubrir todas as prazas. O obxectivo da iniciativa impulsada polo departamento de Cultura dirixido por Ignacio López-Chaves radica en conseguir a diversificación da oferta e a captación de novos usuarios para as instalacións municipais, así como o fomento dos hábitos de estudio entre os asistentes.

martes, 15 feb 2005
1108474778bi.jpg
Biblioteca Central
As actividades, impartidas pola profesora María Vidal Rodríguez-Sabio, licenciada en Filoloxía Inglesa, inclúen programación específica para nenos e para adultos. A potenciación da conversación, que quere servir como ferramenta de aproximación e coñecemento do fondo en inglés da biblioteca, é unha das actividades programadas en inglés dirixidas aos adultos, que teñen lugar os xoves de 17.00 as 18.30 horas.

Pola súa banda, o taller literario dirixido ós adultos, que ten lugar os venres ás 17.00 horas, ten como obxectivo proporcionar o coñecemento da literatura anglosaxona na súa propia lingua. A actividade, que comezou o 4 de febreiro, desenvolverase ata o 27 de maio e nela os asistentes poderán participar no club de lectura, centrado en obras da literatura anglosaxona, así como na reunión semanal para ler as obras que facilita a biblioteca e o seu posterior comentario en común.

En canto as actividades destinadas aos nenos, o seu obxectivo consiste en facilitar un novo canle de comunicación para os rapaces, establecendo a utilización de recursos presentes na biblioteca, pero sempre dun xeito lúdico.

Para un maior aproveitamento da actividade, os participantes son divididos en función da súa idade. Así, o taller dirixido aos rapaces de entre 4 e 6 anos ten lugar os xoves de 18.30 a 19. 30, ata o 26 de maio. A actividade destinada ós rapaces de entre 7 e 9 anos, que ten lugar os venres de 18.30 a 19.30 desenvolverase ata o 27 de maio.
Descargar todas as imaxes