Escoitar

O Servizo de Educación distribuirá un CD-ROM didáctico elaborado por alumnos

O Servizo de Educación distribuirá o CD-ROM "Esta é a miña cidade", elaborado no IES San Tomé de Freixeiro con fins didácticos. O obxectivo deste material é achegar información sobre a realidade de Vigo para fomentar a súa conservación e mellora.

mércores, 9 feb 2005
1107956561cdrom.jpg
O Servizo de Educación vai distribuír 1000 exemplares dun CD-ROM didáctico sobre a nosa cidade que foi elaborado por Pablo Rodríguez, Jorge Núñez e Miguel García, alumnos de 1º de Bacharelato do IES San Tomé de Freixeiro. O traballo foi dirixido polas súas profesoras de Xeografía e Historia, Carmen Arenas, e Tecnoloxía, Concepción Díaz, a partir dun boceto que resultou gañador do Concurso de Ideas da Concellería de Educación.

O CD-ROM, titulado "Esta é a miña cidade", aborda a realidade de Vigo cunha perspectiva didáctica e achega información sobre aspectos territoriais, socioeconómicos, medioambientais, culturais, artísticos e históricos, desde a prehistoria á actualidade.

Ignacio López-Chaves, concelleiro de Educación, felicitou os autores deste traballo, do que dixo que "pon de manifesto o interese dos alumnos e dos profesores pola nosa cidade". López Chaves asegurou que "o orgullo de ser vigués é importante e este CD-ROM vai fomentalo". O concelleiro anunciou que o disco vai ser distribuído nos centros educativos e nas asociación de veciños de Vigo e apuntou a posibilidade de que tamén se reparta entre centros de concellos próximos.

Un dos propósitos fundamentais deste material interdisciplinar é que os escolares coñezan a cidade e se impliquen con ela. Ademais, o CD-ROM pretende responsabilizalos na súa conservación e mellora, partindo da idea de que a identidade de cidadán libre e crítico vai unida a un coñecemento en profundidade do espazo urbano en que se vive e actúa.

As unidades temáticas do CD-ROM teñen acceso a diversas cuestións formuladas para o alumnado e a posibles ideas para a ampliación de coñecementos suxeridas aos profesores. A presentación do disco contén ligazóns que conducen a información complementaria e a páxinas web relacionadas coa temática que se expón.
Descargar todas as imaxes