Escoitar

Corina Porro agarda unha entrevista co comisario de pesca para definir a ubicación da Axencia Europea de Xestión de Recursos Pesqueiros

Fíxollo saber ao Comisario Joe Borg nunha carta onde lle manifestou a súa satisfacción pola elección de Vigo como sede desta infraestructura.

mércores, 9 feb 2005
A alcaldesa de Vigo, Corina Porro, transmitiulle ao Comisario de Pesca da Unión Europea, Joe Borg, a súa satisfacción pola elección de Vigo como sede da Axencia Europea de Xestión dos Recursos Pesqueiros. Mediante unha carta remitida ao señor Borg, a alcaldesa sinalou a importancia determinante da axencia para a cidade, non só pola súa repercusión no ámbito social, económico e de emprego, senón tamén polos elementos que supón de infraestructuras e comunicación urbanas.

Polo tanto, a alcaldesa considera que a cidade de Vigo ten moito que dicir en canto á ubicación definitiva da Axencia, e máis tendo en conta a recente aprobación inicial dun Plan Xeral de Ordenación Municipal no que quedarán fixados os equipamentos, servizos e infraestructuras de Vigo para os próximos vinte anos.

Tendo en conta ademais o peso específico que a pesca ten na cidade de Vigo, sector vital para o impulso da súa economía, Corina Porro confía en poder manter axiña unha reunión co Comisario de Pesca para comentar persoalmente estes e outros asuntos de interese común.